O FRANQUISMO chega con contalo. É un erro denigralo, infamalo ou situarse en posisicións militantemente antifranquistas para facer a súa historia. Ata o de agora, a dictadura e os franquistas beneficiáronse da fortuna de estaren excluidos da historiografía. Por diversas razóns, poucos historiadores profesionais indagaron e escribiron sobre esa época dende posicións rigorosas. Pola proximidade temporal, porque muitos xerarcas do réxime continuaron ata hoxe a súa vida política e, sobre todo, porque o pacto da transición consensuou unha necesidade de pasar páxina, aceptada tamén por uns antifranquistas desexosos de superar aquel período dooroso, lembrado sempre como cutriñoso e miserento. A sociedade actual descoñece case todo daquela etapa tan cercana. Este ano cúmprense 30 do pasamento do dictador. Pasou tempo de máis. Naceron dúas xeracións que a penas coñeceron na escola ou na familia máis que catro ideas -franquistas ou anti- sobre a Dictadura. Por esa ignorancia ten tanto éxito esa serie de TV que lembra en detalle a cotidianeidade dos últimos anos do réxime. Cuéntame... cómo te ha ido, di a canción de Fórmula V. Niso consiste a memoria social que temos do réxime. Cada quen fala del según lle foi. Que o franquismo fora pouco estudiado e pouco contado permite que un recente autor de éxito poida dicir barbaridades e torturar o pasado para conforto da máis rancia dereita sociolóxica. O tal Pío Moa só escribe sobre os antecedentes do franquismo -República, guerra, 1934- e non do réxime en si, seguindo a lóxica xustificativa e ocultadora que impuxo unha Dictadura que chegou a 1975 explicándonos que as causas da guerra e os males da patria estaban na democracia e na República. Muita historia fixo o franquismo con isto. Tanta que aínda non hai outra. O millor antídoto para a zarapallada que quere pasar por Historia é estudar e contar o franquismo. Mais unha vez, Fraga acaba de sorpendernos cunhas declaracións sobre as orixes da incivil guerra española. Muitos pensaron que o ávido lector viña de devorar a colección completa de don Pío. O conto é outro. Bótase ao Monte de Pío Moa co trabuco da Historia, amparado por este éxito editorial, para contar o que coñecía de sobra. Todo o que agora escribe este autor xa foi mandado escribir polo propio Manuel Fraga cando creou no Ministerio de Información e Turismo un Servicio de Estudios sobre a guerra civil dirixido por Ricardo de la Cierva que producíu un bon feixe de obras. Comprendeu que naquela altura requeríase unha historia diferente á da Cruzada que fixera J. Arrarás. A guerra pasou a ser oficialmente un drama inevitabel e por muito que os culpabeis seguiran sendo republicanos e comunistas, mesmo se asumía unha parte de culpa. A nova visión correspondíase a un momento no que a lexitimidade do réxime debía basearse no exercicio do poder máis que na lonxana victoria de 1939. Fraga deulle ao réxime outra historia para outro momento da Dictadura, envolta daquela en turismo e desenrolismo ¡Con todo o que podía contar nunhas memorias, ten gracia que o organizador de referendums de Franco nos fale de falsificación -verídica- de actas nas eleccións do 36!