Sen sorrisos

OPINIÓN

15 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

POUCAS VECES nos anos que levamos de democracia o cidadán de a pé estivo tan preocupado como agora co desafío do Goberno vasco ao Goberno da nación. E poucas veces houbo tanta unanimidade en contra do lendakari e dos nacionalistas vascos. Está claro que os argumentos de Ibarretxe son indefendibles dentro da Constitución española e da europea. Está claro que o seu proxecto prexudica á sociedade vasca e á española, que conculca principios democráticos e que rompe unilateralmente o pacto de Guernika. O que non está claro é o que vai facer o Goberno de España para opoñerse á posta en marcha do tal proxecto. Coido que fomos moitos os que nos sentimos decepcionados pola comparecencia ante a prensa da vicepresidenta tras a entrevista do presidente co lendakari . Primeiro porque a importancia do asunto parecía pedir a presencia do máximo representante da nación, e en segundo lugar, pola impresión de inseguridade que transmitiu Fernández de la Vega. A linguaxe corporal é importante nestes casos e, aínda que as súas palabras contiñan unha condena sen paliativos do plan Ibarretxe, o seu tono e a súa actitude eran de desculpa. Parecía unha nai que para meter en cintura a un fillo maleducado ten que soltarlle unha labazada e non se sente a gusto de telo feito. Os sorrisos, a maneira de subir os hombreiros, de manterse encollida ante o micrófono, non transmitían seguridade senón todo o contrario. Ademais negouse a aclarar que fará o Goberno se se convoca o referendo ilegal. É un erro. Non se pode ir a remolque dos feitos. Os españois temos dereito a saber qué medidas se van tomar, e os que convoquen o referendun tamén deben saber a qué se arriscan. Sinto un gran respecto pola traxectoria profesional da vicepresidenta, e penso que quizá a súa comparecencia non reflectía só a súa inseguridade senón a do executivo completo. Nestas circunstancias os panos quentes están de máis. Hai que sacar peito e coller o touro polos cornos, antes de que el nos empitone sen remedio.