Acción e reacción

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

COÑECÍN ao lendakari Ibaretxe hai poucos anos con motivo dunha conferencia que deu no Araguaney. Todo o que lle escoitei pareceume moi sensato. A maior parte do tempo empregouno en se defender dos que o acusan de certa connivencia cos que extorsionan e matan agachados nas siglas de ETA, accións delictivas que condenou sistemáticamente. (Pensando así públicamente por que non o atacan a el. Coido que é fácil entendelo, pois de facelo perderían a derradeira agarradeira para se esconder detrás de algo vasco). Logo cenamos con el e falamos longo e a todos nos deu unha idea de persoa sabida, equilibrada, dialogante e política. Agora parece que no Estado español temos un gran problema con esto dos vascos. Eu o único que sei, polo que din os medios, que o Estatuto de Ibarretxe é soberanista, e según os que saben destas cousas, incluidos os que están contra el, nas leises da democracia cabe tamén a soberanía dos povos. A min, que non me gosta meterme en política de partidos, que en xeral dividen, aínda que un teña máis simpatía por uns, coido que nestes intres non se pode meter a cabeza baixo da aza, pois este problema está por riba dos partidos. O próximo xoves, quinta feira, estará en Madrid Ibarretxe, e o presidente do Goberno, posiblemente, terá que dicirlle que por riba das legalidades están os poderes fácticos do stablishment , que non deixarían pasar esas pretensións do povo vasco, e Ibarretxe terá que voltar á súa terra con esta realidade agardando millores tempos, mais esta realidade pode ter outra reacción como toda acción, e xa esto que pasa é unha reacción ao que se debeu facer. Hai máis dun século, para evitar situacións como estas que se vían vir, os que pensaban e sabían algo de como se formou o Estado español, para non romper unha convivencia imposta de séculos e atender ao fondo da cuestión, o único que cabía era federar ao país. Xa antes destas ideas estaban as iberistas, que incluían a Portugal. Cando chega a II República, os que pensan coidaban que era o momento obrigado para proclamar a República Federal Española, mais ao redactar a Constitución ficou só como federable, e eso porque os cataláns xa se tomaran a decisión pola súa conta, o falso patrioterismo non deixou ir mais aló as cousas. Son os poderes que prevalecen, que non poideron impedir que a máis importante das Españas, Portugal, antes de someterse ás ideas do centralismo cerril que impuña o Conde duque de Olivares, decidiron irse, e non houbo forza que o impedise. E hoxe aínda hai moitos que teñen o reloxo parado nos tempos do Conde duque. Somos un Estado plurinacional con tachas de nascemento: árabes sete séculos, españois catro. Fóra o derradeiro moro e a queimar os seus libros (¡Ai, Cisneros, Cisneros!), e fóra xudeus... Falando de lendakaris, conocín ao primeiro, José Antonio Aguirre, na casa que mantiñan os vascos na Avenida Belgrano de Buenos Aires, que coñeciamos por Laurabak (non sei como se escribía nin o que significaba). Era un home dunha integridade excepcional. Dous anos logo lin a noticia da súa morte cando eu pasaba por Montevideo, e viñéronme as bágoas aos ollos. Tamén no exilio morrera Castelao, e dous presidentes galegos da República, Portela Valladares e Casares Quiroga, e no exilio morreran outros presidentes como Alcalá-Zamora e Manuel Azaña, e a outros presidentes nin os deixaron morrer no exilio: Companys, Bóveda, Blas Infante...