Memoria dos que se van

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

ANDABAN os veciños da aldea avivando o lume das lareiras, o lume vivificador, que transmite simbolicamente a memoria do ano vello ao ano novo, e de madrugada, manseliñamente, silandeiramente, fóisenos Sixto. O doutor Sixto, para os seus pacientes. Agustín Sixto Seco... Unha man de camelias da horta de Rosalía, á que adicou media vida, acompañaron o seu descenso á terra, e a bandeira de Galicia dobrada discretamente sobre o cadaleito. Os símbolos tamén contan. O ser humano está feito de símbolos. Dende o pazo de don Ramón, en Trasalba, Alfonso Monxardín trouxo un ramo de flores brancas. Era o 30 de decembro, as viñas a medio podar, os campos aloumiñados polo sol morno do inverno. Curiosamente, outro 30 de decembro, no ano 1965, morría tamén en Santiago aquel mítico Mosquera Pérez, o Vello dos Contos, pioneiro da radio en lingua galega durante a República, de quen tan pouco sabemos, un dos primeiros animadores do Patronato Rosalía de Castro, xunto co propio Sixto, parada obrigada da memoria histórica de Galicia e do galeguismo. Corenta anos entre un e outro. Poucos días antes fun velo para falar dos vellos da Arxentina. Era unha das súas obsesións. Cando a finais dos anos 80 viaxei por primeira vez a Bos Aires, Sixto encheume de cartas, agasallos e presentes para os galegos de alén mar. «Alá está a nosa memoria. Non podemos perdela». O Arquivo da Emigración que por aquelas datas poñía a andar o Consello da Cultura Galega naceu en gran medida polo seu entusiasmo e a súa teimosía. Nas varias viaxes que por razóns profesionais fixen a aquelas terras austrais sempre levei os recados de Agustín: para o seu amigo Juan Manuel Pérez, para o vello Manuel Meilán, para os compañeiros do Centro Galego e do Instituto Arxentino da Cultura Galega, para os irmáns de Montevideo... Sixto Seco pertence á xeración dos irmáns (así se chamaban entre eles). «Os tempos xa non son os que noutrora foron», explicábame. «Estano a pasar moi mal. Temos un compromiso histórico con ese mundo noso. Non podemos deixalos morrer sen dignidade. O que somos debémosllo a eles...». Nalgúns casos, nos momentos máis difíciles, mesmo puxo o diñeiro do seu peto, sen dicirllo a ninguén, tal era o seu estilo, sen pedir nada para si, sempre avogando para os outros, diante das institucións galegas, diante da Consellería de Emigración e a presidencia da Xunta, que confiaban nel. «Son os nosos petrucios. Quedan oitenta mil vellos naquel país, entre Bos Aires e Montevideo. Non os deixedes...». Sixto Seco era o máis novo dunha xeración que se despide e á que lle debemos moito: a recuperación da nosa memoria histórica, entre outras cousas, encarnada en institucións que souberon sacar adiante en momentos moi duros e ben pouco xenerosos: a Editorial Galaxia, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo, Ediciós do Castro, o Museo do Pobo Galego... A súa herencia, que nos alimentou e vivifica, é a nosa responsabilidade. Mesmo coas diferencias políticas e ideolóxicas que pudiese haber, irremediables entre xeracións, consonte a dinámica dunha Galicia viva, o patrimonio que nos deixan, ollado coa perspectiva do tempo, que ao final é quen acaba poñendo sempre as cousas no seu sitio, resulta impresionante. De todos eles Sixto era quizais o máis entusiasta, o máis executivo, o máis pragmático. Xosé Luis Barreiro, compañeiro nestas páxinas, gosta dividir a xente entre os que andan polo mundo cun faroliño, preocupados por non caer nas pozas cativas, e os que, por riba das circunstancias e as coxunturas, guían os seus pasos pola luz dun faro que os alumea no horizonte, aínda a risco de rabuñarse nas silveiras. Sixto pertencía a estes segundos viaxeiros.