DE SEMPRE escoitei a Díaz Pardo reivindicar a memoria do país. De sempre souben del, mesmo que de tantos outros, traballando e argallando por recuperala. Memoria do todo e da parte. De feitos, de homes, de nacentes institucións, de aconteceres, de traxedias, da arte, das arquitecturas, da propia natureza, do traballo e do esforzo, das empresas e de empresarios, da dor, da esperanza. No 2004 foi Ramón Villares quen nos fixo o galano dunha súa anovada Historia de Galicia , recreación daquela outra de hai xa vinte anos, onde non só se incorporan coñecementos e investigacións propias e alleas deste último tempo, senón -en moitos dos casos- reinterpretacións daqueles mesmos aconteceres enxergados no acontecer de España e do mundo. Achegándonos mais ao evoluír do urbano, do comercio e da industria, nunha escrita nidia e intelixente, onde un se recoñece e disfroita de ideas e idioma. Mañá, da man deste periódico e da dirección e autoría do mesmo Ramón Villares, comezará a chegármonos Galicia siglo XX . A noticia chegou como unha regalía para este ano 2005. Agasallo de Reis para que nos atrevamos a interpretármonos naquelo vivido, ou contado a cachos por quen si o fixeron. Falar do século XX é falar, inevitablemente, dos vivos. Mulleres e homes, mais tamén empresas, partidos e movementos sociais, cultura, poder financeiro e poder político, feitos e obras, a Galicia de acó e tamén a emigrante. Un mundo. O noso mundo máis próximo e vivido, necesitado coma ningún outro de actualizar lembranzas e de interpretalo. Atreverse con elo, e mostrarnos o más senlleiro do acontecido e feito en tempo tan recente, contribuirá a perfilar as sombras e luces que adornan o país e a sociedade. Aquelo que desaproveitamos e o traballo que queda por diante. Daquelo aprendido e da oportunidade de seguiren a obra e, nalgúns casos, as ideas e o traballo de senlleiros investigadores galegos da miña xeración, ven o meu agradecemento por todo canto a historia me fixo saber do meu tempo, comprender tantos porqués do que ao meu redor sucedía, e mesmo refacer esperanzadamente país e tempo por vivir. A historia explícanos. Ou en palabras de Ramón Villares fala do presente e do futuro. Neso anda con Galicia siglo XX . Saúde.