EN ESPAÑA temos ante os desastres provocados polas forzas da Natureza unha resignación fatalista. O paradigma desa actitude podería ser aquel famoso comentario de Felipe II cando se enterou da destrucción da chamada armada invencible: «Eu non mandei os meus barcos a loitar contra os elementos». Dende entón ata hoxe parece que iso mesmo pensan os que deberían poñer os medios para evitar as consecuencias de riadas, inundacións, nevadas en decembro ou ondas de calor en agosto. Da igual que se saiba que vai chover, que se achega unha gota fría, un vento sahariano ou un vento polar. Aquí seguimos pensando que os elementos son incontrolables. Científicos do Laboratorio Marino do Pacífico e do organismo da ONU para a prevención de desastres declararon que o tsunami que asolou as costas asiáticas do océano Índico puido predecirse e que foi detectado por eles. Pasaron catro horas dende que se produciu o maremoto ata que as ondas xigantes chegaron ás costas. O que fallou foi o sistema de recepción de alerta, inexistente na costa asiática. Nembargantes un catedrático dunha universidade de Madrid declara: «Desconocemos como predecir terremotos, tsunamis, huracanes. Somos grandes, pero somos muy pequeños frente a la naturaleza» . No caso da nevada de Nadal o Goberno non recoñece as imprevisións e os fallos ante un feito que se repite cada ano. Bótalle a culpa aos conductores que non levaban cadeas. Pódolles asegurar que os primeiros avisos de que Pedrafita necesitaba cadeas empezaron ás 13.30 de mediodía do domingo, cando o porto levaba tres horas colapsado. Foron os avisos a través dos mobéis entre usuarios os que nos levaron a moitos a tomar o camiño de Ourense para evitar o lío. As que si tomaron precaucións foron as autopistas, que adiantaron a peaxe antes das retencións e seguiron cobrando cando xa estaban bloqueadas as saídas. En fin, resignación. Xa se sabe que a culpa de todo é dos elementos da Natureza e, por suposto, do señor Aznar.