NESTES DÍAS dáme voltas na memoria unha canción que por moi diversas causas tivo moita sona nos últimos tempos do réxime anterior. Moitos factores a fixeran popular, entre eles a minisaia que a cantante exhibiu no Reino Unido -para que aprendan os da pérfida Albión, dixeron por aquí aínda os opostos a esa prenda, que así se tiñan por máis ao día-. E agora penso que a súa letra e a súa música, coa cantante e a súa mínima minisaia incluídas, cadrarían moi ben para fondo musical dese andazo dos que prefiren o La ao A . Non negaredes que estarían máis típicas as manifestacións e mellor adobiados os debates. A ritmo rápido de La, la, la e bambeos da rabela minisaia. Pois cando nun país non hai política, esta, que se nega a desaparecer, maniféstase como pode: pequeniña como a minisaia da cantante aquela, ou miserenta, aldeá e babiola. Ou as dúas cousas a un tempo. Non nos poñamos tráxicos: marchemos cantando La, la, la, levando diante a minisaia da cantante e o seu lizgairo acaneo.