Luis Seoane e Ruedo Ibérico

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

NA FUNDACIÓN coruñesa que leva o nome do primeiro hai unha mostra da editorial parisina que rompeu co silenzo imposto pola dictadura na España para que non se soupese do acontecido na primeira mitade do século XX. Agachar esta historia era lóxico cando os seus beneficiarios tiñan pasado de colaborar cos nazis, e desacreditar ás democracias, a entregarse en corpo e alma aos ianquis até aposentalos no solar patrio. Por fin, polo ano 62 inicia a súa publicación Ruedo Ibérico (R. I.) cunha historia da Guerra Civil española do inglés H. Thomas, que empezou a abrir os ollos ao mundo, aínda que a obra de Thomas non pasaba de ser un riguroso estudio histórico sen carácter político algún. Axiña apareceu o film de Frederik Rossif Morir en Madrid , que trascendeu a todo o mundo este drama e puxo de relieve a débeda que se tiña coa nosa historia do acontecido na primeira mitade do século XX. Tanto desta exposición de R. I. como da que se vai inaugurar nesta semán en Santiago no CGAC estase xa a falar de Luis Seoane como un elemento central, na súa obra clásica e nas súas ideas, do que somos e do que perdimos. Este é un momento de aconteceres no que imos saber algo máis do que sabiamos de Luis deica agora como unha peza única. Casualmente, temos con nós nestes días a un artista argentino vello amigo de Luis: Lipa Burd. É moi coñecedor dos primeiros pasos de Seoane na Argentina, na súa formación plástica, nas súas ideas sobre todas as artes. Por otra banda, temos en Italia a unha filóloga estudiosa das ideas básicas do deseño: Begoña Soneira, de Marín, que está tentando convencer a Tomás Maldonado para que veña a unha das experiencias de Sargadelos a expoñer as súas ideas e confrontalas nunha xornada coas que acó temos sobre o deseño, a arquitectura e, en xeral, coa función social que teñen que cumprir as artes. Cando Seoane volve a Buenos Aires -pois nacera alá-, a finais do 36, cos seus 26 anos leva as súas fortes inquedanzas impregnadas das saudosas ideas que recibira dos seus amigos Luis Huici, Eiroa, Fernández Mazas, Maside... As súas primeiras actividades estarían relacionadas coa defensa da República. Mais axiña ía decatarse de que en Buenos Aires había unha gran información do que tiña pasado na destrozada Europa. Alí había máis coñecemento do constructivismo ruso e da Bauhaus que a que se tiña na mesma Europa. Esta realidade aínda cheguei eu a coñecela, e axudoume moito. Dende que se sabe polo ano 43 que Alemania ten perdida a guerra, na Argentina nacen movementos de ultravangarda. Un deles é a da arte concreta da que Maldonado vai ser o seu capitán, aínda que pensa que «só se pode modernizar a vetusta institución chamada arte», o que a levaría a ir por outros camiños a buscar os problemas básicos do deseño, e iniciar as súas preocupacións coa editorial Nueva Visión. No 54 vaise para Europa e Max Bill o incorpora á Universidade de Configuración de Ulm. Luis Seoane, que ten 12 anos máis que Maldonado, admirará estes movementos que van influír na súa plástica, mais tamén nas súas ideas básicas. Lipa Burd nos está confirmando estes procesos, que Luis observa con gran respecto, non aceptando completamente o seu carácter global. Estas secuencias poden explicarnos a avanzada modernidade de Seoane sen perder a súa tradición. Compréndese así o entusiasmo co que Luis se incorpora á tarea de Ruedo Ibérico na que están as artes e os pobos. Agradecemento a Silvia Longueira por traer esta mostra baixo o nome de Luis Seoane. E a Antonio Correa por estudiar esta Galiza que foi.