O INFORME PISA vén demostrar unha vez máis que o ensino secundario en España funciona mal. Hai un dato moi preocupante: cada vez baixa máis o nivel de comprensión lectora, o que quere dicir que os rapaces saben ler, pero non se enteran do que len. E isto comeza a sentirse xa no primeiro ano da universidade. ¿Como chegamos a tal situación? Pola degradación á que o profesorado do ensino secundario se veu sometido nas dúas últimas décadas. O responsable do informe PISA propuxo como solución que «os profesores teñen que aceptar moitas máis responsabilidades», frase que resulta moi equívoca. Para ter responsabilidades hai que ter autoridade e hoxe o profesorado de secundaria non a ten: nin se lles consulta para as reformas, nin se escoitan as súas reivindicacións, nin son apoiados cando entran en conflicto cos alumnos ou coas asociacións de pais de alumnos. Un alumno pode darlle unha labazada a un profesor sen máis consecuencias que ficar uns días sen ir ao centro. E os profesores séntense ameazados, indefensos e mal recompensados. A reforma do ensino ten que comezar pola dignificación do labor do ensinante e dos propios centros. ¿Saben vostedes que moitos institutos modernos non teñen nin sequera un lugar para actos culturais? Só os vellos institutos conservan o salón de actos onde se pode dar unha conferencia ou facer unha función de teatro. Ese desprezo á cultura impregna todo o ensino medio e recae sobre o labor dos ensinantes. Visito con regularidade centros públicos de secundaria e puiden comprobar en moitos deles a falta de aseo, a grosería, a conducta indisciplinada de alumnos que fuman, berran, contestan mal, taquean e tiran lixo ao chan dos seus centros, a parte de non atender ás explicacións nas clases. Máis autoridade para os sufridos profesores e máis disciplina para os alumnos pode ser unha boa forma de empezar a recuperar a dignidade perdida. Pode que lles pareza utópico , pero esa dignidade no ensino público tivémola. Agora trátase de recuperala.