A sucesora de Carlos Velo

| MIGUELANXO FERNÁNDEZ |

OPINIÓN

MORREU nun hospital de México DF a última hora do pasado xoves. Era a filla de Carlos Velo Cobelas (1909-1988), cineasta, biólogo e intelectual galego nacido na vila ourensán de Cartelle, obrigado ao exilio cando a Guerra Civil e despois de brillar no documentalismo español da II República, con filmes como Galicia ou Romancero Marroquí . Teresa naceu ao pouco da chegada a México de Carlos e a súa dona María Luisa, Marilyn , que morrería cando a filla a penas tiña uns meses. Licenciada en Bioloxía e Historia da Arte, comezados os anos oitenta formouse en guión no Centro de Capacitación Cinematográfica que fundara o seu pai. A vida intelectual de Teresa estaría moi vinculada ao Centro en diferentes responsabilidades. Casada en segundas nupcias co realizador Alfredo Joskowicz, actual responsable do Instituto Mexicano de Cinematografía, colaborou como dialoguista no seu filme El caballito volador (1981) e como guionista en numerosas series de televisión entre 1980 y 1982. Finalmente, no 2001 fixo o guión para Vieiros. Vida e obra de Carlos Velo , documental realizado pola súa filla, Laura Gardos Velo. Ata aí a biografía de urxencia, pero o que engrandece entre nós a figura de Tere -que así a coñecen en México- foi a súa teima por preservar a memoria do pai, e da que fun testemuña privilexiada para o meu libro As imaxes de Carlos Velo . Gardo unha extensa carta manuscrita na que fai un sincero repaso da relación co seu pai, e sobre todo da intensa peripecia que encabezou para sacalo do Reclusorio onde o Goberno mexicano meteu a Velo no verán de 1979, como vítima propiciatoria dunha vendetta promovida por Margarita López Portillo contra o sexenio echevarrista, e do que sairía sen mancha aos catro meses pero coa saúde moi deteriorada. Despois da morte do cineasta, procedeu a axeitar o seu legado. A Cineteca Mexicana, a Fundación Penzol, e eu mesmo, recibimos parte para o uso necesario. Mesmo recuperou Galicia , que estaba perdida para o patrimonio cinematográfico galego e español. Mágoa que xa non poida ver o libro Las imágenes de Carlos Velo que apadriñará a U.N.A.M. grazas a súa porfía. Descansa en paz no Panteón Español da capital azteca.