A NINGUÉN se lle escapa que houbo un antes e un despois para o voluntariado galego e que unha actividade constreñida no seu día ao apoio a colectivos marxinais ou con problemas, ou a actividades sociosanitarias, abriuse de golpe, pola brusquedade dun accidente, a o terreo medioambiental e, de aí, a campos tan ilimitados como as novas tecnoloxías, a seguridade vial, o deporte ou a cultura. Se en 2002 existían en Galicia 318 entidades dirixidas á acción solidaria, hoxe están rexistradas 567, con milleiros de galegos que dedican parte do seu tempo ao denominado terceiro sector. A Administración ten a obriga de facilitar o traballo a todas estas persoas e de aproveitar esta materia prima, que comeza a amosarse, como nunca antes o fixera, como un dos signos identitarios das sociedades máis desenvolvidas. Hoxe non hai organización democrática no primeiro mundo que non recorra á solidariedade, tanto polo que significa a mensaxe humanitaria en si mesma como por atender as necesidades dun coletivo que non para de medrar. Galicia é xa un referente en todo ese ámbito e non só por terse convertido nunha ocasión determinada e durante varios meses nun destino preferente, senón pola súa capacidade para aumentar a nómina de voluntarios e por idear saídas novidosas polas que poda fluír toda esa forza. A resolución de Nacións Unidas de 1985 que proclamou o 5 de decembro como Día Internacional do Voluntariado permite concentrar na data de hoxe un recoñecemento ao servizo prestado por esas persoas que debería ter carácter permanente e intemporal. O seu entusiasmo, a súa inquietude social, a súa concienciación cara ás necesidades sociais, e o seu compromiso coa mellora e a transformación da realidade, converten a este movemento en imprescindible para un desenvolvemento xusto da nosa sociedade. E por iso mesmo, pola humanidade que transmiten e a naturalidade coa que nos sitúan ante verdadeiros problemas, todos eles son agora indispensables para o discorrer da acción política. En certo modo, son os que están a marcar o camiño.