TRÁTASE dunha desas frases feitas para denotar que as cousas son como son e que hai que aceptalas candos nos superarn en forza. O adaxio é máis longo: «Non temos máis bois que os bois que temos e temos que arar con eles porque non temos outros bois». Trátase dunha sentencia feita en Galiza; o ritmo resignado a unha realidade que non intentamos vencer é algo que nos retrata a nós, tamén porque a enerxía dos bois para labrar a terra ven ser tamén algo noso. ¿Por que escribo dos bois se do que quería escriber é das cousas dixitais que nos están cercando no mundo? Pois por eso, porque o dixital está sendo unha realidade que nos condiciona e nos pode. Fican as empresas cheas de aparellos dixitais de usar e tirar, pois arranxalos cando fallan custa máis que mercalos novos. Ademais, cada periodo de tempo cambian o modelo para melloralo , e do modelo anterior xa non hai repostos. Non ten dúbida que quen deseñou os modelos e os sistemas de producción asegurouse así a continuidade da empresa cun invento continuo. Esto é un sistema ben estudado para quen o inventou e hai que apeitar con el porque non temos outro. Como casi todo ven pasar polas pantalliñas esas que agora chámanlles ordenadores e onte chamábanlle computadoras, que nun principio tiveron a súa resistencia e algún cachondeo ao cambear o con polo sin . Recordo a redacción dun xornal na que o director retiraba as máquinas de escribir substituídas por ordenadores, e cando o director non estaba algúns periodistas ían onde amontonaban as máquinas desplazadas a recuperalas para escribir a crónica como o viñan facendo dende hai 30 anos. Era lóxico, nembargantes, superada a resistencia histórica, non ten dúbida que para a posta en limpo do traballo os ordenadores mostraban gran eficacia. Tiñan e teñen algunhas tachas: os licenciados que veñen desta xeneración dixital manuscriben cunha letra que non hai quen a entenda. As novas orientacións desbotan toda a disciplina caligráfica, que era onde se coñecía millor a idiosincrasia dos individuos, privándoos dunha disciplina predeseñística. Outra falla non menos grave está na adicción que crean estas pantalliñas. É tanta a atracción que sofren algúns que o primeiro que fan cando ven un ordenador é sentarse fronte a el e encendelo sen saber aínda o que teñen que facer, que pode estar noutra parte, noutro arquivo... Por último, hai que ter en conta que un ordenador é un sistema de comunicación e que a súa linguaxe ten forma como todos os sistemas, a arquitectura, a obra pástica, a música... amósanse condicionados pola forma da linguaxe, tamén o ordenador, aínda que é unha forma global mala porque non deixa incorporar a nosa diferencia, coas nosas dúbidas e os nosos erros, que foron os que fixeron evolucionar a especie humana. Así, se non se pon límite a tanta dixitalización acabaremos todos como clonados coa boca aberta. E pobres nenos aos que lles queren poñer ordenadores nas escolas. Hai días pasou pola Iberia Bill Gates. Din que é o home máis rico do mundo (non sei que beneficios aportan tanta competencia de ricos). Dixo que en vinte anos todo estará dixitalizado e desaparecerán até os libros (?). Si que o dixo. El quere que se vendan os seus aparellos. De Bush non quixo opinar, craro. E como esto é o que manda non temos máis remedio que arar cos bois que temos porque non hai outros.