Un novo «Don Quijote»

OPINIÓN

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA das mellores iniciativas para conmemorar o cuarto centenario da publicación da nosa obra literaria máis universal coido que é a nova edición de Don Quijote feita pola RAE e editada por Santillana. Edicións do Quijote hai moitas, algunhas de gran calidade. Ningunha definitiva , como deu en dicir a prensa dunha das últimas, porque no campo da investigación literaria e da edición non hai traballos definitivos, só obras que van mellorando as anteriores. En todo caso faltaba unha que, sendo popular polo prezo, fose rigurosa no que se refire á limpeza do texto e á calidade das notas que o acompañan, e que tivese ademais unha presentación atractiva para un público amplo. Todo isto ten a nova edición que agora veu a luz. O elenco de personalidades ilustres que colaboran nesta edición é verdadeiramente admirable, pero non garantía que o resultado final non fose un tocho ilexible para o lector de cultura media ou para os estudiantes de bacharelato. Por fortuna resultou todo o contrario: un volume de apariencia atractiva, elegante, de tapa dura, con cuberta blanca e lombo negro, con cintiña para marcar as páxinas, con letra de bo tamaño, impresión clara, páxinas ben deseñadas para aproveitar o espacio, bo papel, número xusto de notas a pé de páxina para facilitar a lectura e non interrompela en exceso e un glosario final que aclara peculiaridades lingüísticas da época cervantina. A isto súmanse traballos interesantísimos de destacados cervantistas e novelistas contemporáneos. E todo isto por nove euros e medio, milagre posible pola colaboración económica das academias hispanoamericanas e entidades bancarias e culturais españolas. Ese precio faino tan asequible que, aínda que se teñan outras edicións da obra, pódese mercar para disfrutar dos estudios e comentarios que a enriquecen. En resumo, esta edición é unha gozada para os ollos, para as mans e para o espírito que non debe faltar en ningún fogar onde se fale ou se entenda o español.