Historia da Telecomunicación

OPINIÓN

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

SEMANA da Ciencia e a Tecnoloxía. Aula de Innovación. Feuga. Campus novo de Compostela. O profesor Perfecto Mariño móstrase preocupado pola falta de celebracións do centenario da Electrónica, que naceu ao servicio da Radiocomunicación: en 1904 John Fleming descubría o efecto rectificador e detector do diodo. A partir dese intre, as válvulas de baleiro irían aumentando de número de electrodos -desde o triodo amplificador ata o octodo- e con elas o mundo faríase cada vez máis pequeno. Anton Huurdeman, no seu monumental The Worldwide History of Telecommunications , inicia percorrido no século XVIII cos telégrafos ópticos que tan estratexicamente interesaron ás grandes potencias. Pero a Telecomunicación só toma carta de natureza cando intervén nela a Electricidade, na Telegrafía e logo na Telefonía. Válvulas de vidro e metal danlle o pulo e a potencia con que hoxe se mantén. Diodos e transistores de silicio vulgarízana ao límite de hoxe haber en España case tantos teléfonos móbiles coma persoas. A Telecomunicación e a Electrónica condicionan a existencia humana, marcan fronteiras e fendas; mesmo definen nacións... O estudio da Historia da Telecomunicación leva a descubrir trazas cíclicas nos fenómenos tecnolóxicos observados. Nada nela é totalmente novo nin se fai vello para sempre. O desexo dun decente pasar polo Val das Bágoas con axuda da técnica determina que as ideas se repitan, aínda que as solucións para as converter en realidade varíen en función dos inventos que van xurdindo. Se o telegrama achegaba os continentes, o datagrama lévanos cara á cidade (que non aldea) global. Tal vez porque a Telecomunicación é tecnoloxía relativamente nova, con pouco máis de douscentos anos segundo Huurdeman, case ninguén se centrou no estudio sistemático da súa historia, da que se poden tirar conclusións decisivas para o futuro. Pero, dada a importancia social que ten, quizais cumprise ollar cara atrás para seguir avanzando a xeito.