A RECENTE polémica sobre a iluminación nocturna da ponte de Rande pon de actualidade certos aspectos da seguridade vial que, necesariamente, son responsabilidade da Administración pública. A polémica xurdiu ante a decisión de Audasa, a empresa concesionaria da AP-9, de proceder ao apagado das luces da ponte de Rande e da ponte sobre a ría de Pontevedra coa excusa de contribuír ao aforro enerxético. O grave do asunto é que a devantida decisión foi autorizada polo Ministerio de Fomento. A contradicción é evidente. Por unha banda, Tráfico considera as pontes e viaductos como puntos especialmente perigosos e, en consecuencia, reduce o límite de velocidade máxima na ponte de Rande a 80 km, establecendo alí un radar permanente. Ademais, a DGT manexa estudios sobre as graves incidencias que os viais mal iluminados teñen nos accidentes de tráfico. E, malia todo, o Ministerio de Fomento autoriza a Audasa (que xestiona un servizo público e ten a obriga de mantelo debidamente atendido) a proceder á desconexión da iluminación nocturna. Curiosamente, segundo datos da Xunta de Galicia, o 39% dos accidentes prodúcense durante a noite; e segundo datos do RACE, tamén teñen lugar pola noite o 40% dos accidentes mortais. Como cidadán, son plenamente consciente de que os conductores temos unha gran parte da responsabilidade dos accidentes de tráfico, e o carné por puntos que o Goberno vai establecer o vindeiro mes de xuño significará, en boa medida, a asunción (penalizada) desa responsabilidade. Pero a Administración non pode eludir as súas obrigas de proporcionarnos unha boa iluminación, unha boa sinalización e un correcto mantemento da nosa rede viaria. Cando eu tiña pouco máis de vinte anos e comezaba a viaxar por Europa ao volante dun vello Peugueot 504, unha das cousas que máis me impresionaba era a xenerosa sinalización nocturna nas estradas francesas e alemanas. Alí foi, por exemplo, onde vin por primeira vez esas rotondas que redistribúen o tráfico, por fin cada vez máis frecuentes en Galicia. Todas as mañás, aínda de noite, percorro diariamente 25 quilómetros para chegar ao meu traballo. A estrada pola que circulo leva dous meses en obras, pesimamente sinalizadas. A día de hoxe aínda non vin nin unha soa luz que lles indique aos conductores o perigoso estado da calzada. Neste caso, coma en tantos outros, só a prundencia dos conductores evita os accidentes.