OS NOVOS orzamentos autonómicos son coma os de sempre pero cargados de bombo. Incrementan a capacidade inversora nun 31%, para executar máis de 1.100 kilómetros de estradas, urbanizar 14 millóns de metros cadrados de chan industrial e obrar en 45 portos. Ningunha corrección nese modelo obsoleto de desenrolismo que considera que as infraestructuras por si soas garanten o desenvolvemento pese a que os resultados demostran o seu fracaso. A única novidade neste proxecto de orzamentos atinxe ao transporte metropolitano. Por estrada claro, a imaxinación non da para máis. De seren de pago muito millor. Todos queren cadansúa autoestrada e os orzamentos prométenas co criterio de que os que as piden votan. Lograremos autoestradas radiais de Santiago a Brión, a Cacheiras, a Lugo; de Monforte a Chantada, a Sarria. Por non falar das chamadas vías rápidas. Tanto esforzo non soluciona os problemas de transporte de mercadorias nalgúns grandes eixos e, menos aínda, de pasaxeiros nas zonas máis colapsadas. Constrúese un modelo de transporte insostibel mentres os camiños de ferro morren de aburrimento. Galiza é unha urbe con sete polos no que todo son cercanías. Nin autoestradas de pago, nin AVEs fantasmais solucionarán a comunicación Pontevedra-O Morrazo-Vigo, nin Ferrol-Coruña. Só se incrementará o problema do tránsito. Nos orzamentos do Estado tampouco hai un modelo diferente. Seica os deputados do BNG en Madrid, pedíronlle ao PSOE, como xesto para votar favorablemente aos orzamentos, o investimento suficiente para que entre Vigo-Pontevedra e Coruña-Ferrol haxa un tren cada media hora. Non é muito pedir para avanzar nun acordo. É razoabel e tanxibel, non ten que ver con linguas nin con gaitas senón con infraestructuras e calidade de vida. Pero barrunto que será tarefa imposibel: é dificil rachar coas inercias. Respondendo a ese modelo que impregna ás institucións e aos cidadáns, o ano que ven eliminaranse feixes de curvas nos novos trazados de estradas comarcais, deixando as vellas como áreas de silveiras, asfaltaránse non sei cantos camiños rurais polos que non pasa ninguén, cementaranse ducias de eiras con subvencións dos concellos, concentraranse non sei cantos milleiros de ferrados para que as cunetas se convirtan en beirarrúas, na espera de acadar unhas farolas que permitan ás leiras ascenderen á categoría de solares. Así levamos 15 anos. Máis. Consumindo territorio de forma absurda. Este manexo irresponsabel do país é un deporte que non só practican os gobernos. Ao pe de Santiago, en Texexe, as máquinas están desfacendo un monte polas noites. Os escoceses presumen de que a montanosa Escocia, estirada, sería muito máis grande que a chaira Inglaterra. Tamén poderiamos aplicar á Galiza esa intelixente superioridade pero os desmontes levan camiño de impedilo. Se vostede herdou unha terra costenta, facémoslle un desmonte e dixámosalla chaira, con axuda europea, claro! Neste ano electoral bótase a casa pola fiestra das infraestructuras. Mesmo algo lle tocou ás Universidades. Como hai eleccións hai concesións, tamén no sector audiovisual. Aproveitade!