¿E que máis?

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

NUNCA MÁIS volveu mobilizar o sábado milleiros de persoas que lembraron a incompetencia gubernamental e a soedade dos mariñeiros e do país, naquela catástrofe provocada por algúns que hoxe seguen adicados á xestión e á representación política. Lonxe queda a vaga mobilizadora que recorreu Galiza durante os meses posteriores ao Prestrige, animada pola plataforma Nunca Máis, por Burla Negra, por Area Negra, por Confrarías e colectivos cidadáns. Sen os motivos inmediatos de entón hai que preguntarse por que volveron xuntarse tantas persoas un sábado polo serán dous anos despois. Que ninguén pense na capacidade mobilizadora dos partidos porque esa non é a razón. Menos do PP alí había de todo e, como outras veces, sobre todo cidadáns que exhibían a súa dignidade. Para algúns do PP, Nunca Máis é un demo que incomoda e tráelles malos recordos. As millores declaracións, coma sempre, as de López Veiga -o mesmo que dixo que xa chegara ás costas todo o fuel que tiña que chegar-, repartindo mandobles a destra e sinistra; preparándose para o ano do Quixote. Empéñanse en identificar Nunca Máis co BNG, facéndolle aos nacionalistas un favor parecido ao que lles fai o PSOE ao evitar que Touriño puidera ser alcumado de pancarteiro . Seica non quere seguir a senda de Zapatero, porque aquí, xa se sabe, a xente é mui conservadora e non entendería que un aspirante a presidir a Xunta se « instale na protesta permanente» . Agora toca identificarse co poder de Madrid aínda que lles de couces. Non deberon entender por que gañaron as eleccións xerais. Porén mandaron unha representación simbólica ao acto para poder dicir que estaban. A ambigüidade socialista apréciouse ben na TVE. Disque está fora do control gubernativo pero políticamente xestiónase cos criterios de sempre. Nos telexornáis de máxima audiencia a manifestación pasou desapercibida e a información do segundo cabodano do Prestige, concentrouse en repetir a fartar unha xeira de entrevistas con voluntarios (sempre o mesmo alemán). Pero na 2ª cadea puido verse un dos magníficos documentais realizados para liberar toda a carraxe agochada nas plantillas da TV pública, mentres Urdaci desviaba a atención da verdade cun empeño que lle valeu a medalla de Fraga. Pero ¿que facía tanta xente en Compostela o sábado? Lembrar e prepararse. Pouco tiñan que ver cunha procesión de esmolantes chorimiqueiros e muito coa expresión de dignidade. Fronte ás mentiras oficiais dun Fraga que segue emperrado en convencernos de que aquilo foi unha catástrofe natural e que xa volvemos vivir na millor das costas posibeis. Tamén fronte á lamentabel crise política na que vivimos. ¿E que máis?, preguntábase a miña filla Irene con razón, despois de repetir o clamor de Nunca Máis na Quintana. A xente alí facíase a mesma pregunta porque representaban aos que queren algo máis que protestar. Queren cambiar o país, non cambiar de país ¿Que máis temos que aturar, que máis temos que facer para mudar? Esperemos que no medio da crise política que padecemos haxa quen de darlles resposta. A solución en próximos capítulos desta historia...