ANTES de que Fraga confirmase que volvía a presentarse como garante da unidade do PP, semellaba que a coalición de grupos que goberna na Galiza dende que se estreou La chica de ayer podía revalidar o poder nas próximas eleccións. Iso era tamén antes de que a remodelación do goberno se saldase coa espantada de Diz Guedes e coa ameaza de escisión de Baltar, antes do acordo que aínda non coñecemos entre Baltar e Fraga, do Congreso e do poscongreso dos populares, do plante dun Palmou ameazado e de varios conselleiros, antes de que a Raxoi lle entraran ganas de coller un avión e vir fumar un puro rápido con Fraga en Monte Pío. Neste momento ninguén pensa que o PP vaia gañar as eleccións pero tampouco sabe ninguén muito máis. Mentres se desenvolve a anunciada traxicomedia do PP a oposición tíñase que ir preparando para dicir que quere facer en caso de que o PP perda. Contra o socorrido dito, a ningunha sociedade normal, e esta éo, chégalle con que uns perdan o poder para que outros o gañen. Disto escribía con tino Víctor Freixanes nestas páxinas, a propósito das eleccións norteamericanas. Alguén ten que demostrarse capaz de gañalas e o caso é que BNG e PSOE aínda non fixeron un aceno que amose que son quen de gobernar coaligados. ¿É tan difícil poder ver xuntos, aínda que sexa paseando polo Preguntoiro compostelán, a Quintana e Touriño? Teño para min que ao PSOE non lle interesan eses sinais, convencido como está de que o vento zoa ao seu favor impulsado por Zapatero-Eolo. Cando todo o mundo sabe que a película dun goberno alternativo titúlase Dous cabalgan xuntos, os socialistas parecen empeñados en negalo. De aí as declaracións de Touriño en Vigo ou o seu apoio á letra L. A falta de xestos que trasmitan confianza no cambio, o PSOE e o BNG, aínda que por separado, cando menos están a mobilizar o coñecemento para fornecer de ideas a súa alternativa. O PSOE creou a fundación Iniciativas 21, encabezada polo profesor R. Maiz que ven de presentar a súa proposta estatutaria. O BNG presentou o Foro do Novo Estatuto que reúne outro senlleiro grupo de expertos e profesores universitarios, a maioría non comprometidos políticamente coas súas siglas, para traballar sectorialmente na liña de construir un Estatuto de nación para o país e abordar, ademais, unha cuestión de calado para o nacionalismo: a presenza/relación de Galiza no Estado español. O novidoso é que os participantes non son chamados como intelectuais abaixo asinantes senón coma expertos que aportan o seu coñecemento e o seu prestixio ao servizo dun labor político. Certamente a iniciativa do BNG e a do PSOE debe estar apartada da lóxica partidaria, a xulgar pola asombrosa e inexplicabel ausencia de mulleres en ambos os dous foros. En todo caso, ambas iniciativas son un bon sinal para unha mudanza política no país porque antes da forza dos votos ten que estar a forza das ideas. Claro que sen un aceno simbólico que trasmita confianza sobre o bon entendemento da oposición de pouco lle van valer ao electorado programas e propostas de estatuto.