AÍNDA que isto non é novo, pódese recordar con temor as brigadas de Ned Ludd destruíndo as máquinas que podían roubarlles postos de traballo. Hoxe chamaríanlles terroristas, como se lle chama a todos os que defenden con dinamita a malfadada sorte da súa identidade. O que se albisca é confuso e a óptica pola que vemos está raída e chea de manchas. Dame a sensación que o cristal dos economistas co que están vendo as cousas, sobre todo, e en xeral, os que teñen tanto predicamento nos medios de poder están a falarnos de outra cousa que pouco ou nada ten que ver coa economía entendida como unha ciencia para administrar os recursos, pois máis se parece a un sistema para facer grandes e pequenos negocios aínda que se despilfarren os recursos; vivir ben hoxe e mañá que nos fagan unha cruz na barriga e que nos quiten o bailado. Así os suplementos chamados económicos das publicacións chámanse Negocios , Euro , Mercados , Empleo ... Esto último de crear emprego parécese moito a eso de tomar o rábano polas follas; crear artificialmente necesidades, cando o que hai que ver son as necesidades que temos creando formas para satisfacelas, e neste traballo se crearán postos de traballo auténticos, como foi sempre cando imperaba a lóxica humana, antes desta sabiduría dixital que substitúe e atranca a intuición que fixo posible esas obras que hoxe son admiradas como patrimonios da humanidade. O problema do paro vai estar unido ao petróleo como un producto escaso ou caro, que estivo sostendo o crecemento da opulencia humana. E o problema do petróleo non cesa e a cada intre pode ir agravándose a saltos: tres para diante, dous para atrás, pois está polo medio a especulación interrompindo. En algún intre o problema farase insostenible e non se sabe como vai rebentar. Certos técnicos no control da economía din que o crecemento do noso país non se verá afectado polo crecemento do prezo do petróleo, e algunha razón poden ter para algún tempo... aínda que o forte crecemento do prezo dos gasóleos, que hoxe utiliza todo motor diésel e as calefaccións non sabemos que compensación poderán ter, para que elo non afecte á economía dos cidadáns. As razóns que poden ter esos técnicos poden estar na estimación do valor do euro, e tamén nesa hábil e intelixente operación de Repsol de ter absorbido, ou pactado en parte, con YPF, o que lle fai partícipe das grandes reservas do petróleo arxentino, plataforma dende a que Repsol converteuse nunha multinacional das máis grandes petroleiras que hoxe opera en medio cento de países producindo e vendendo. Este gran salto da intervención de España nos negocios do petróleo foi posible pola corrupción e dexeneración do Goberno de Ménem da man do neoliberalismo. Argentina é o primeiro país da América latina en entender a explotación deste recurso fósil. Un gran patriota, o xeneral Mosconi para que este recurso non caese en mans dos gringos creou a empresa estatal Yacimientos Petrolíferos Fiscales, cuias iniciais son as que antepón Repsol. Para España supuxo un grandísimo esforzo financieiro asistir a almoeda que facía Ménem desta empresa do Estado arxentino. Hai que agardar que o pobo arxentino desesperado non faga unha desfeita deste negocio que nos beneficiou a nós.