«Moobing» funcionarial

OPINIÓN

CHÁMASE moobing ou acoso laboral a unha situación de fustigación no traballo na que unha persoa é sometida a violencia psicolóxica por parte dun xefe ou dun grupo de compañeiros. O tipo máis frecuente é o de carácter sexual, aínda que estase a incrementar, sobre todo na empresa privada, o acoso psicolóxico como medio de librarse dun traballador incómodo para a empresa ou para algúns dos compañeiros. Hai, non embargante, outro tipo de situacións nas que non está claro que a víctima sexa o subordinado, ou, mellor dito, que esa situación non dependa en parte dunha actitude negativa de quen se considera acosado. A tecnoloxía moderna está creando problemas para moitos traballadores que se ven incapaces de adaptarse ás novas técnicas. Na empresa privada resólvese por medio de xubilacións anticipadas nos mellores casos, de despidos con indemnización noutros, e con acoso nos peores, é dicir, facéndolle a vida imposible ó empregado para que se vaia pola súa vontade. Na empresa pública as cousas son diferentes. O contido dos postos de traballo está moi definido. Por exemplo: en todos os ministerios hai funcionarios que teñen por misión case exclusiva o que se chama «mover papeis», ou sexa, levar documentos duns despachos a outros. O correo electrónico está deixando obsoleta esta labor. Si o funcionario quere, pode facer outro traballo, pero se non quere, pasa as horas sentado na súa mesa sen facer nada. Non se lle pode obrigar a facer outra labor distinta. Un funcionario non pode ser despedido porque a súa labor quede obsoleta, nin porque o seu rendimento laboral sexa escaso, ou porque cree problemas a causa do seu mal carácter, ou por ser moi estricto no que se refire ós seus dereitos e moi descoidado no comprimento dos seus deberes. Un funcionario destas características non perde o traballo, pero perde a estima do xefe e a solidariedade dos compañeiros. Nalgúns casos poderá haber moobing , pero en moitos outros é só un problema de inadaptación.