ISO DIXO Bush, e ten razón. Por máis que nos amole. Por máis que nos pareza un pesadelo. ¿Como é posible que un pobo poida elixir a un iluminado que di falar con Deus ou que ten a observancia dos preceptos bíblicos por riba das prescricións constitucionais do seu país? Pois xa se ve que é posible. Algunha razón ten que haber que nos explique por que máis da metade dos votos do país puideron ser a prol dese petís integral. Déronse moitas e moi pouco convincentes. Paréceme que hai que procurala na información que o país se lle dá e que o leva a vivir acriticamente nun práctico analfabetismo. Sería unha consecuencia xeral da información que chega á sociedade de hoxe, unha sociedade que, como nos ensinou Sartori, ve pero non pensa, e que camiña dereita para o cretinismo total. Non vexo outra maneira de explicarme que case 60 millóns de cidadáns voten a Bush e que se sintan identificados con el: un, ao cabo, identifícase con quen nos semella máis achegado a nós propios. Falou América, e punto.