Recollepelotas

OPINIÓN

ELIMINADO Buttiglione polo Parlamento Europeo, podemos falar de cousas que parecen menos importantes, pero que non hai que descoidar porque van na mesma dirección. O de Buttiglione era demasiado escandaloso. Ata os máis fervorosos europeístas se preguntaban que clase de Europa era a que admitía como titular da carteira de Xusticia, Liberdade e Seguridade a un político con ideas tan reaccionarias e tan contrarias a eses principios. As componendas dos grupos políticos e xefes de goberno, defendendo uns a tal individuo e querendo outros nadar e gardar a roupa, resultaban noxentas para os que estamos fóra dese xogo de intereses. Por sorte o papel controlador da Eurocámara , que amenazaba con ser pura utopía, fíxose realidade e polo momento respiramos aliviados. Pero que esa situación se produza é xa un índice de cómo están aínda as cousas. Que poda chegar ata un posto de relevancia na Comunidade Europea alguén que pensa e di en público o que Buttigilone dixo sobre as mulleres e os homosexuais, indica que non se pode baixar a garda e que non hai que transixir coas pequenas infraccións contra a igualdade social de todos os seres humanos. Os que defenden a aparición de modelos femeninas para recoller pelotas no Máster de tenis de Madrid alegan que é o mesmo que se fai coas azafatas de congresos e de feiras comerciais: escoller ás máis guapas e vestilas con minifalda. Ou sexa : reducir a muller ao papel de adorno para a vista. Para evitar a discriminación por razón da apariencia física algúns países están a suprimir a entrevista persoal e as fotos nos impresos para solicitudes de emprego. Ser guapo pode ser unha condición importante para un artista de cine ou de teatro, pero para recoller pelotas só se necesita rapidez de movementos. As recollepelotas modelos atentan contra a dignidade da muller e contra a igualdade social. Nin as mulleres somos floreiros nin todo o público é masculino e heterosexual. Postos a poñer modelos, a metade debería ser masculina.