MAÑÁ, día seguinte ao que se publique esta nota, estaráa celebrándose en Lugo a primeira dunhas xornadas de arquitectura e deseño organizadas pola Escola de Artes Ramón Falcón e a Delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia. Van tratar da Problemática dos cascos históricos , estéticas, deseños, arquitecturas..., vidas. Están apoiadas pola Deputación, Concello e Caixa Galicia. A primeira xornada abrímola Juli Capella, arquitecto, presidente do FAD, a entidade que ten máis tradición na diseñística catalana, e eu, sobre o tema que nos diron: O deseño do producto , e seguirá unha mesa redonda na que se sumarán Méndez Salgueiro e Moncho Amigo, moderada por Wenceslao Posada. En novembro seguirán outras catro xornadas sobre a vivenda, o deseño gráfico, a tasca, a tenda, a cor... É indudable que hai unha preocupación pola problemática dos cascos históricos, que en Galiza sofren unha gran deturpación. O problema pode mellorar se mellora a óptica. De momento prevalece a especulación. Coido que a gran dificultade para entender a conservación do patrimonio histórico noso está en ver como se desenvolveu a nosa situación dentro da historia á que pertencemos: a Europa padeceu o fascismo e o nazismo durante cinco anos, e as institucións deses rexímenes e os seus beneficiarios foron practicamente barridos. Na España a cousa prolongouse 40 anos nos que se ben o fascismo evolucionou nun réxime corporativo, para non escandalizar na vella Europa, o certo é que neses 40 anos a recuperación da memoria histórica en España estivo prohibida. Logo cando chegou a hora da democracia, hai pouco máis de cinco lustros, vímononos obrigados a entendernos todos, incluídos os que estiveron 40 anos impedindo recuperar a historia, condición que non logran superar de todo. Non debe estrañar que con esta desinformación moitas das cousas que fixo o réximen dos 40 anos tenten conservarse, o que supón unha aberración tan supina como se na conservación do Partenón houbese que respectar as adherencias que deixaron os turcos. Cando as cousas se fan con honestidade, incluso deixando de construír no terreo que pertenceu ao inimigo, condicionando a estructura, fixéronse cousas tan excepcionais como a Señoría de Firenze, por exemplo. Hoxe non sería cousa de reconstruír as casas de Espinosa, nin a que fixo Domingo de Andrade, na praza de Praterías, de Santiago. Mais si poderíase deixar valeiro o solar onde existían esas casas, e liberar esa praza tan importante do pastiche de escala desproporcionada ao seu entorno; así ficaríamos para a historia como xente que souperon conservar o seu patrimonio. Esto nos leva a considerar que na restauración do patrimonio histórico os primeiros que teñen que actuar son os historiadores. Estes días falaban os xornais da Escola Obradoiro de Emprego na recuperada finca de Brandía. Poucos saben que aquela casona era a finca da Amanecida , que pertenceu ao xuíz Fuentes, quen tiña un fillo, poeta, escritor, coñecido por Fuentes Jorge, un de cuios libros titúlase El oro de la Amanecida . Fuentes Jorge non pertencía a ningún partido, mais tivo que exiliarse por cuestións non políticas, senón por outro libro: a novela Salomé del Sar , que ilustrou cunha tapa moi importante Suárez Villafranca. Fuentes Jorge veu morrer a Galiza no ano 69, e na finca da Amanecida poidemos despedilo ese ano. Mais de toda esta historia non fica o menor rexistro nesa casona.