PODEMOS agachar a cabeza. Podemos facer como que non vai connosco (e se cadra para moita xente é así: non vai con eles). Podemos mirar para outro lado e seguir repetindo o discurso oficial, ou o voluntarista. Pero os datos son contundentes. Segundo o Instituto Galego de Estatística, o castelán imponse como lingua maioritaria entre as novas xeracións. Afeitos a repetir mecanicamente aquilo de que a lingua galega é a lingua da inmensa maioría da poboación de Galicia: o 91,02 por cento enténdea, o 84,19 por cento di que sabe falala, o 46,86 por cento está capacitada para lela e o 32,97 por cento para escribila, acabamos por cerrar os ollos á realidade: as novas xeracións, que son o futuro, empezan a estar noutro rexistro. Os mozos e as mozas de Galicia, que teñen agora 18 ou 20 anos, están maioritariamente instalados no castelán. En 1983 aprobouse no Parlamento (por unanimidade) a Lei de Normalización Lingüística. A responsabilidade da súa aplicación e desenvolvemento é da Xunta e das instancias especializadas da mesma (Política Lingüística). Vinte anos despois, malia os discursos oficialistas, que se empeñan en convencernos do contrario, velaquí os resultados: o galego esmorece, moi principalmente nas novas xeracións, que é onde, teoricamente, a Lei debía actuar, moi principalmente a través do ensino. Todo o contrario do que sucede nas realidades vasca e catalana, que nese mesmo período de tempo, lograron non só recuperar o idioma nese segmento clave da poboación senón que instalaron á xente nova nun uso real do mesmo, algo que no noso caso (bilingüismo harmónico) non se producíu. ¡Vinte anos perdidos! ¿Ninguén vai dar unha explicación? Hai poucas semanas que se aprobou no Parlamento, tamén por unanimidade, un novo Plan de Normalización Lingüística. A prensa apenas se fixo eco da noticia. Moitos sospeitamos que o mecanismo vai ser o mesmo: unanimidade formal e a aplicación de sempre. Cos datos enriba da mesa, a política lingüística da Xunta non pode calificarse máis que de fracaso. Fracaso estrepitoso. A cadea de transmisión natural do idioma estase rompendo e non hai razóns que nos permitan pensar que a tendencia vaia ser corrixida. Alguén debería dar contas do que está sucedendo, repito. E alguén debería pedilas urxentemente, no Parlamento. Certo que o futuro do idioma nos compete a todos. Sería inxenuo pensar que a culpa é exclusiva da Administración. Os prexuizos das familias seguen activos, as motivacións de uso non son suficientes, o sistema educativo (os profesores) teñen unha responsabilidade obxectiva neste proceso (neste fracaso), os modelos dominantes da sociedade urbana e da sociedade de consumo (mediático, cultural) tampouco axudan, os factores extraeducativos (medios de comunicación de masas sobre todo) son fundamentais, o mundo laboral, o comercio, a práctica lingüística da Administración Pública (que segue usando maioritariamente o castelán na relación coa cidadanía), a actuación da nosa clase política (que entende o idioma coma unha liturxia, non autentificado na práctica de cada día) convirte o uso da lingua nunha representación, nun teatro... O conxunto da cidadanía así o percibe, moi especialmente a xente nova. ¿Estamos en condicións de corrixir o proceso? Quero pensar que si. O espazo deste artigo impide ir máis alá na análise dunha situación que é complexa, pero que leva tempo disparando as alarmas sen que ninguén pareza querer decatarse do que está ocurrindo. Podemos mirar para ourto lado, repito. Pero a realidade é tozuda. Ou actuamos agora, con decisión, con ambición, con firmeza, ou cando queiramos facelo será tarde e non haberá remedio.