DE PEQUENO, estaba convencido de que Fidel Castro vivía na casa da miña avoa Ángela. A orixe desta confusión estaba na vehemencia coa que ela falaba «das casas que nos quitou Fidel Castro en Cuba», e que eu pensaba que, literalmente, nolas quitara para vivir el alí. Eran unha casa en La Habana e unha fábrica de galletas en Caibarién (o soño de todo neno), que a miña avoa herdara do seu pai indiano; e eu imaxinaba a Fidel Castro non só residindo na casa de La Habana senón incluso comendo as galletas na fábrica; porque, tal e como o contaba a miña avoa, a Revolución cubana fora unha cousa que lle pasara só a ela, un preito de propiedade que tiña con Castro. Eu sabía que Cuba estaba moi lonxe porque o meu pai dicía «parece que vas para Cuba» cando nos vía con moita equipaxe, e supoñía que alí chovía pouco, porque dicíamos «manda chover na Habana» para expresar sorpresa. E aí acababa a miña información sobre Cuba. Acordábame de isto estes días, ao escoitar a polémica pola política do Goberno a respecto de Castro. Na miña opinión, este deputado do PP que foi a Cuba demostrar que é unha dictadura ten razón: Cuba é unha dictadura. Non porque lle neguen a entrada a el, senón porque lles negan a saída a outros, non porque lle impiden a el dialogar coa oposición ilegal, senón porque esa oposición é ilegal. Pero estar en contra de algo malo non é automaticamente estar a favor de algo bo, e o deste deputado é un bo exemplo deste principio: o que quere el é que aillemos a Cuba e castiguemos ao seu goberno castigando aos seus cidadáns. O que quere é o embargo, despois da guerra a máis inxusta, a máis destructiva das medidas que un país pode infrinxir a outro. E iso xa é máis discutible. Dicíano a este xornal os representantes das comunidades galega e española aló en Cuba: a liberdade dos cubanos non chegará por medio da asfixia económica, como non chegou para os iraquís, nin sequera para os surafricáns. Por certo que, xa hai anos, os meus pais e a miña irmá chegaron ir a Cuba. En La Habana non deron atopado a casa confiscada do meu bisavó, pero en Caibarién si atoparon a fábrica de galletas. Daquela era xa unha carnicería e vivendas, pero non era Fidel Castro quen vivía aló, senón unha pobre xente. A miña avoa non viviu para sabelo, pero estou seguro que mesmo ela, a maior antagonista que nunca tivo Fidel Castro, non hou-bese querido que aquela xente sufrise.