O compromiso con Galicia

JOSÉ M. LADO LESTÓN

OPINIÓN

CANDO LIN o artigo do presidente e editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre, identifiqueime plenamente co seu contido e lembreime das nosas permanentes reivindicacións como sindicato comprometido con Galicia. Por iso considero o momento oportuno para facer explícita a miña felicitación, e a do conxunto do sindicato, a este diario. Sabemos, e máis desde un sindicato, que todos os logros son consecuencia de reivindicacións anteriores e que a capacidade de reivindicar ten que ver co poder que se exerza sobre quen dispón dos medios e dos instrumentos. A xustiza -e o sentido común no que esta se debe sustentar- non son suficientes para arranxar os graves problemas de desenvolvemento da nosa comunidade, que a solidariedade do Estado debería abordar. Por iso, o conxunto da cidadanía, a través das súas institucións e organizacións, tivo e ten que mobilizarse, e nesta mobilización cidadá o diario La Voz de Galicia, polo seu compromiso cos grandes temas e pola súa capacidade de difusión, tivo un papel protagonista. O despregamento informativo e a implicación de La Voz ante a catástrofe do Prestige , non tiveron precedentes na prensa actual. A defensa do Plan Galicia e a, xa histórica, reivindicación duns camiños de ferro á altura dos tempos, que rachen co illamento de Galicia co exterior e conecten o territorio, axitaron concencias e arrincaron compromisos. En CC. OO. compartimos coa sociedade galega un sentimento de decepción, por insuficientes, polas partidas dos orzamentos do Estado de 2005, destinadas ás infraestruturas do Plan Galicia. Pero o que realmente nos preocupa é o compromiso do Goberno do Estado de que se van executar na súa totalidade e nas mellores condicións. Sabemos que infraestruturas como o porto exterior ou o ferrocarril de alta velocidade van ter unha vida centenaria; polo tanto, é moito máis importante a súa execución con garantías de calidade que o cumprimento estrito dos prazos, nos que, por outra parte, xa se detectan dificultades. Cando o Consello de Ministros se reúne no Pazo de María Pita e aproba o Plan Galicia, sabiamos, e así o manifestamos no seu momento, que tiña unha parte de fume ou de demagoxia, pero era un compromiso do Estado, non do Goberno do PP. Non debe o actual Goberno máis que concretalo e melloralo. Existen importantes precedentes de cuestionamentos de decisións tomadas por un goberno cando teñen que ser executadas por outro. Nas grandes actuacións que comprometan o desenvolvemento futuro da sociedade e que teñan períodos de execución de varios anos, máis que a duración da lexislatura, o executivo non debe tomar as decisións baseándose exclusivamente na maioría parlamentaria que o sustenta, ten que chegar a consensos coas forzas políticas susceptibles de se alternaren no poder. Así estará garantido o compromiso. E se alguén merece ese compromiso, somos os galegos e as galegas. En definitiva, en CC. OO. identificámonos e compartimos o contido da editorial do seu presidente e editor na defensa dos intereses de Galicia.