NON ESTOU de acordo cos que din que Fraga non pode ser presidente da Xunta outra vez porque lle falta saúde. Non concordo cos que pensan que a súa lipotimia do luns o inhabilita para gobernar, e desde aquí lle ofrezo ao presidente o meu sincero apoio neste asunto. A lipotimia é un dereito de todos e a saúde non pode ser unha obriga. Vivimos nunha sociedade obsesionada co corpo, coa idade, coa saúde; e o certo é que a saúde é sempre relativa. «Non hai persoas sas -dicíame o meu pai-, só pacientes mal explorados» (el mesmo resultou ser un paciente mal explorado). Non, a min non me escandalizou o esvaimento do presidente. O que me escandalizou foi o que sucedeu logo: que, desoíndo as indicacións dos doutores, Fraga volvese á tribuna para rematar o discurso e encima pedise perdón «por non ter cumprido co meu deber». O que me pareceu mal foi que antes rexeitara os coidados dos deputados con coñecementos médicos dos tres partidos (PP, Bloque, PSOE) que se achegaran a el, reunidos por primeira vez nunha insólita moción conxunta para levar ao presidente á cama a repousar. O que me parece mal, en definitiva, é que don Manuel pense que iso está ben, que iso é o seu deber , e que pense que isto é o que esperan del os galegos. Creo que aí si que hai algo que o podería inhabilitar para ser presidente da Xunta; non o estar enfermo senón a súa negativa a aceptalo, a súa incapacidade para escoitar bos consellos, a súa teima en non delegar nos demais, a súa imposibilidade de aceptar máis autoridade que a propia, incluída a do cardiólogo que lle salvou a vida. Querendo dar exemplo, Fraga, sen sabelo, é un mal exemplo. ¿Por que vai a miña tía Marina obedecer ao médico do Sergas cando o propio presidente non lle fai caso nin ao mesmísimo conselleiro de Sanidade? ¿Por que vai o señor Pepe deixar de andar sachando se a máxima autoridade do país négase sequera a suspender un simple acto protocolario contra a opinión de unha ducia de facultativos? Fraga engánase. Non vivimos en Esparta nin a presidencia de Galicia pode converterse nun concurso de supervivencia. Non. O problema con Fraga non é a súa idade nin a súa saúde. Atreveríame a dicir que non é sequera que sexa máis ou menos de dereitas, mellor ou peor xestor. O problema, como diría calquera nai galega, é que é un rabudo. Así de simple. E iso é o que non pode ser. Nin polo ben de Galicia nin polo del.