Políticos

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

TEN RAZÓN Mariano Rajoy en manter o optimismo, como facía antonte. A sorte do político é imprevisible. O político está aí, derrotado, e mañá pode estar no poder. Ou viceversa, como lle sucedeu a Aznar. Precisamente, nestes días, Rajoy pode atopar inspiración no caso de Carlos de Habsburgo, a quen o Papa acaba de beatificar: durante o reinado deste emperador desintegrouse o Sacro Imperio Romano-Xermánico, tras dous mil anos de existencia. Xestión máis desastrosa que esa, diría un, non se pode imaxinar. Pero aí está o home en cambio, postumamente rehabilitado no seu carisma (literalmente, porque carisma é unha palabra que antes de empregarse para os políticos, empregábase para os santos; do grego kharis, don, gracia). Este beato Carlos ben podería acabar converténdose, se finalmente sube ós altares, no santo patrón dos políticos, igual que Santa Cecilia o é dos músicos. Outro dos seus confrades podía ser, por exemplo, John Kerry, a quen tamén vin estes días na televisión. Un triste personaxe, este Kerry. Un político que basea todo o seu carisma no principio do mal menor. O que Kerry ofrece é unha única cousa: que non é Bush. É triste, pero quizais lle funcione, porque esta é unha mercadoría que se vende ben en política: Zapatero goberna porque non era Aznar, Aznar gobernou porque non era González. Quizais esta sexa unha das regras do éxito en política: non tanto lograr ser alguén senón lograr non ser outro, e non selo dunha maneira convincente. Pero o certo é que o seu rival, Bush, chegou ó poder ofrecendo o contrario: ser case como outro home, ser mesmo fillo del: o ex-presidente George Bush (pensei entón que tiña que ser unha sensación estraña para un presidente levar o nome dun ex-presidente). Ía gañando Bush nas enquisas. Agora, de repente, é Kerry quen leva avantaxe, e todo por un debate televisado. De novo o imprevisible. Non é que Kerry o fixese ben, é que Bush puxo mala cara. Bush leva poñendo mala cara desde sempre, e parecía que iso era o que lles gustaba ós seus seguidores. Pero así son os votantes. Non saben o que queren, só o que non queren. Por iso vense permanentemente defraudados. Por iso non é estraño que mesmo para beatificar ao emperador Carlos non se lle esixisen milagres. A un político, mellor non pedirllos.