Au revoir, Sagan

OPINIÓN

02 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FRANÇOISE SAGAN, a quen Mauriac calificou na súa xuventude de «encantador monstruo de dezaoito anos», ven de morrer aos sesenta e nove anos, de forma moi discreta, contrariamente ao que foi habitual na súa vida. O escándalo acompañouna dende a súa aparición na vida literaria en 1954 coa publicación de Bonjour tristesse . Medio século despois, unha pregúntase qué foi o que escandalizou tanto naquel primeiro libro. François Mauriac, que era por entón o gran santón da crítica francesa, queixábase de que nun momento tan serio para Francia como era a o da perda do dominio francés en Indochina, o Premio da Crítica recaese nunha novela na que o máis destacable era «a desvergonza da adolescencia feminina». Non hai na novela descripcións realistas das relacións eróticas. As esceas sexuais resólvense mediante símbolos e hábiles elipsis. O que escandalizou foi a despreocupación coa que resolvían estas cuestións tanto a filla adolescente como o pai divorciado e cuarentón. Algún crítico e a propia autora consideraban que o que resultaba subversivo na época era que as aventuras eróticas dunha adolescente, que fai o amor por puro gusto e non por estar namorada, non resultasen castigadas dalgún modo, cun embarazo non desexado ou coa condena social. Tamén escandalizaba que o pai convertese á filla en confidente das súas propias aventuras eróticas. Desaparecido o escándalo, ¿que perdura hoxe na novela? Coido que a análise psicolóxica dos personaxes e de situacións que aínda teñen plena vixencia: esa loita da filla do divorciado contra a nova muller do pai. Cécile é o antecedente de tantos adolescentes a un tempo perversos e inocentes, que nas novelas e na vida destruíron a felicidade de moitas parellas sen conseguir a propia. Esa visión do poder destructor e da maldade dos inocentes danlle a universalidade e perennidade á novela. Quizáis a morte da autora contribúa a que se lle recoñeza a esa obra o rango de clásico que a súa escandalosa aparición lle negou ata agora.