OUTRA VEZ podemos falar da botella medio chea ou da botella medio baldeira, segundo queiramos vela. Algunha prensa referíase onte ao «entusiasmo» con que seica os editores españois acollemos os últimos datos do sector, referidos ao ano 2003, que foron presentados oficialmente na edición do Liber, encontro anual da industria da edición que se clausura hoxe en Barcelona. Aínda non falei disto cos meus colegas galegos. Os analistas ven con optimismo o feito de que ese ano o sector facturase en España un 4,4% máis ca o ano anterior (crecemento que se eliminamos o efecto da inflación e o IVA en realidade é dun 2,1%). Asumámolo. Vivimos xustiño na fronteira do IPC anual, cunha facturación total de 2.792,61 millóns de euros. Un puntiño máis e estamos por riba, un puntiño menos e non damos nin asumida a inflación. Velaquí a realidade dun mercado maduro (económicamente moi maduro) que, cos actuais índices de lectura en España, que segue nos vagóns de cola de Europa, non dá para moito máis. Complementariamente a estas cifras de negocio, a producción editorial española no seu conxunto aumentou o número de novidades (a oferta) nun 5,6 %. En 2003 os editores producimos e comercializamos un total de 65.824 títulos. En lingua galega ese crecemento foi espectacular: un 13,9 % máis. 1.588 títulos en galego significa que cada día (e durante os 365 días do ano) entran nas librerías 4 libros novos na nosa lingua. Pero as tiraxes diminúen. Aumenta o número de títulos, en parte para compensar os problemas da demanda, e diminúe o número de exemplares que se produce de cada un deles. En España a tiraxe media é na actualidade de 4.224 exemplares (200 menos que no ano anterior), e en galego, 1.742 (526 exemplares menos). A conclusión é evidente: producimos máis e vendemos menos. Para compensar, subimos os prezos. No ano 2003 o prezo medio do libro en España foi de case cincuenta céntimos máis ca no ano 2002 (12,3 euros), bastante menos, con todo, que unha botella de viño nun restaurante. E aumentamos o investimento en promoción e publicidade, para ver de activar o mercado: un 7,7% máis. Disimule o lector semellante enxurrada de cifras, que no fondo son moi elementais. O problema do libro é un problema de lectores (base social e de mercado), de hábitos de consumo, de progresivo abandono das políticas de animación lectora por parte da Administración (no sistema educativo sobre todo), da precariedade das infraestructuras de distribución, tanto comercial como de servizo (bibliotecas), e do nivel de sensiblidade cultural que ten a sociedade no seu conxunto, abafada (ou embrutecida) por outras ofertas que, á sua vez, abafan (e embrutecen) a propia oferta do libro. Un círculo vicioso que non se arranxa máis ca cunha acción decidida dende a planificación cultural e educativa, principalmente no ámbito escolar e familiar. Unha derradeira cuestión. ¿Cómo é posible que o sector editorial galego, producindo cada ano máis títulos e aumentando, xa que logo, espectacularmente a súa oferta, amose crecementos negativos na súa facturación (e por tanto na viabilidade económica das súas empresas)? Cuestión para outro día. No ano 2003 o libro galego facturou 16 millóns de euros. Dous millóns menos que o ano anterior. Cinco millóns menos que no ano 2001. ¡Un decrecemento acumulado de máis do 20%!