No faiado da historia

| LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO |

OPINIÓN

A GUERRA civil e máis o franquismo seguen para a sociedade actual e, sobre todo, para a política democrática de hoxe, no faiado da historia. De cando en vez alguén sobe alí recoller algún trasto vello para tiralo á testa dun contrincante. Ocorre, cando a presenza camaleónica daquel pasado é demasiado burda para pasar desapercibida ou en momentos electorais, especialmente nos últimos tempos dos gobernos de Felipe González que, sen embargo, nos seus tres lustros nada fixeron para por orde democrático nese faiado. A Transición fixo un inventario rápido daquel pasado, decretou unha amnistía a cambio da amnesia para os dous bandos e arrombou políticamente a historia oficial do franquismo sobre o período 1936-1975 no mesmo faiado no que por forza xa estaba a do antifranquismo. Pacto do Olvido denominouno Paloma Aguilar nun libro chamado a facer época. Se a política subíu todo a un faiado oficial, a sociedade houbo de agochar os trastos anteriores a 1975 en muitos faiados privados de muitas memorias particulares. Os historiadores seguimos indagando nestes períodos, especialmente o da guerra civil, pero certamente sen a prioridade que o seu lugar na historia contemporánea esixe. No Congreso Mundial de Ciencias Históricas de Oslo (2000), onde a memoria das dictaduras ocupou un lugar importante, nin o caso español, nin os historiadores españois estiveron presentes cos alemáns, italianos, rusos, brasileiros, arxentinos e un longo etcétera, para presentar o caso español. Así foi ata que, coincidindo co período de goberno do PP, foise desatando unha sede civil desta memoria mal saciada ata agora e que ademais empeza a ser demandada por unha nova xeración educada en democracia que, liberada dos compromisos e vivencias dos seus maiores, non se vai ater ao Pacto de Olvido. Son os que Santos Juliá chama netos da guerra. Mais non houbo verdadeira amnesia porque os faiados non son vertedoiros ignotos. A memoria da democracia, derrotada na guerra e acosada na dictadura, seguíu a ser obrigadamente privada por falla de ubicación no espazo público, mentres esmorecían as testemuñas. A guerra e o franquismo seguiron canseiramente presentes en monografías académicas e no ensino, moitas veces simplemente para explicar o maus que foran o franquismo e a guerra. O relevante é que a democracia actual non elaborou un novo discurso capaz de substituir á machacona versión sobre a guerra, a victoria e a paz que inoculou a dictadura ao longo de catro décadas. A conta saldouse en 1975 partindo as culpas a medias. Se onde sempre dixemos república dicimos democracia, a consideración do pasado muda radicalmente. A democracia nunca tivo unha política da memoria, en relación coa guerra e a dictadura, pero sí moita política co pasado. Urxe esa política, baseada nunha reconstrucción da memoria, xa histórica e non só privada, que semella estar a comezar co século XXI. Mentres agardamos unha política da memoria, no Congreso sobre Memoria e Identidades que esta semana se celebra en Santiago, os historiadores contemporáneos buscan atender ás novas demandas e resituar o estudo da guerra e o franquismo no lugar que lle corresponde.