PODERÁ non parecelo, mais as veces hai datos que confirman que a política pode impulsar a transformación da realidade. Senón atendan á transformación do sistema galego de innovación e ciencia que analiza por vez primeira o último, xa o dezaoito, Informe sobre A Economía galega da Fundación Caixagalicia-CIEF. Saliéntase nel que por mor de ese faceren política, a inversión en investigación multiplicouse por seis entre os anos 1988 e o 2002, o que levou a que ese gasto, indicador entre outros da competitividade da economía, pasara a ser do 0.3 ó 0.8 do noso producto interior bruto. Outras medidas de política universitaria levaron a que os investigadores en Galicia pasaran dun algo menos do un, ate un chisco mais de cinco por cada milleiro de poboación. Os indicadores para o ano 2002 do sistema galego, inda que por baixo, non andan lonxe da media española, ocupando Galicia o sétimo lugar das comunidades autónomas, cando apenas no ano 2000 ocupaba o decimo. Recoñecido pois o esforzo e o camiño iniciado, hai dous indicadores que nos separan desa media: Dunha banda a participación das empresas no gasto ou inversión en I+D, que en España representa a metade do gasto total, mentres en Galicia apenas chega a un pouco mais do trinta e cinco por cento, e doutra no que toca á distribución do persoal investigador que para a media española aquel que aportan as empresas é a cuarta parte do total e na Galicia apenas chega a un oito por cen. O informe recolle causas posibles deses desaxustes e doutros como ese abraiante oitenta por cento do persoal investigador situado no sistema universitario, ou o diferencial de inversión por investigador e ano en Galicia, que apenas supón o setenta por cento daquel da media española. O Informe mostra ademais as diferencias coas comunidades mais desenvolvidas, e permite ver as disfuncións no noso sistema de innovación: distribución do gasto entre empresa e administración pública, ou do persoal investigador entre empresa e sistema universitario, diferencias en gasto por investigador e ano, e mesmo distribución do gasto por sectores de actividade económica e as súas disfuncións. Unha necesaria contribución para vérmonos tamén na innovación. Luces, sombras e camiño por andar.