VERÁN. Foguetes estalan nos pobos con cadansúa festa, cadansúa santa. As romarías, onde se mestura a celebración relixiosa coa pagá, están ben documentadas na lírica medieval: a misa, as esmolas á Igrexa, o xantar, o baile e os encontros amorosos. As festas tradicionais galegas están asociadas á relixión, aos santos milagreiros. Non había festa sen patrón ou sen ermida. Na Garda teño escoitado que a única festa non relixiosa era a do Tecla: subir ao monte con tambores para comer e beber. Dun tempo a esta parte prodíganse as festas non relixiosas. ¿Un avance social, un síntoma de progreso? Pois creo que non. As santas foron substituídas por viquingos, celtas, romanos que loitan, beben e mostran un burdo primitivismo. Xorden de ano en ano lendas ou exaltacións do meigallo na lúa chea con bruxas e trasgos. Nas ruínas da fortaleza de Goián iniciaron este ano unha festa medieval para irmanarse coa viciña portuguesa, Vilanova de Cerveira, imitando á de Ribadavia, que xa ten solera e carácter artístico e didáctico. Pero non é cousa de volver á Idade Media en toda Galiza. A conmemoración da Reconquista en Vigo e a expulsión dos franceses era un recordatorio franquista e reaccionario que nunca tivo repercusión popular. Pois desde hai uns anos, por iniciativa nacionalista, pasou á escenificarse a loita e vencemento dos inimigos no casco vello da cidade, coa xente disfrazada de época enfrontándose a militares franceses. Faise medrar un afán de volta ao pasado, maiormente lendario ou inventado. Máis que festas tradicionais, son tradicionalistas e conseguen asociar o propio país e a propia lingua ao atraso, razón fundamental do seu abandono. Cómese e bébese, aliméntase o primitivo, a defensa teatral do chan contra os invasores, o espírito celta , escoitando música folk na fala das avoas. Unha exaltación patria. As festas rematan. Acabouse o conto e a tradición. Regresan ao mundo, o traballo, as máquinas, os ordenadores... e ao castelán e inglés.