Olimpiadas do poder

LOURENZO F. PRIETO

OPINIÓN

31 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

BALAGUER, De Valera, Dom Mintoff, Fraga. Este é o ranking de políticos lon-xevos que me ven á memoria, unha vez desvelado o segredo -que nunca foi moi secreto- de que Fraga vai presentarse de novo. A vantaxe de que leve tanto tempo entre nós e que xa non nos dá sorpresas. Xa sospeitabamos os galegos que estabamos en condicións de seguir a senda dos dominicanos, dos irlandeses de antes do celtic tiger e dos malteses, votando nas próximas eleccións por un candidato que bata récords. Moito teñen en común estes catro personaxes e os seus países, por máis que semellen tan diferentes e distantes. Os catro son dun catolicismo popular e institucional sen discusión. Nos catro establecéronse novos sistemas políticos democráticos, despois de dictaduras ou de procesos de independencia recentes. A República Dominicana, Irlanda e Malta son illas e á Galiza pouco lle falta. En fin, poderiamos seguir pero é mellor centrarse na incombustibilidade dos persoeiros porque iso é o que máis nos une ao pasado desas tres repúblicas, que non ao seu presente. Todos deron razóns para xustificar a súa continuidade como as que dá hoxe Fraga, en relación co temor á división do partido, a súa evidente experiencia, a garantía de progreso e estabilidade, etcétera. Os catro foron mestres da continuidade, da que fixeron case o seu principal obxectivo. Balaguer foi o único político da dictadura de Trujillo capaz de adaptarse á democracia cunha previsión da que xa nos fala Vargas Llosa nunha novela memorabel, logrando converterse na única garantía para que algúns mantiveran o poder aínda a costa do futuro. De Valera pasou de combater nunha guerra civil o acordo de independencia de M. Collins porque excluía os condados do Ulster, a gobernar baixo o mesmo estatus, convertíndose no gardián das esencias patrias irlandesas. Dom Mintoff, que propuxo como primeiro ministro a anexión de Malta ao Reino Unido nos anos cincuenta, foi despois o principal paladín da súa independencia e neutralidade. Se a experiencia é o principal caudal dos políticos vedraios, compre ter en conta a experiencia da lonxevidade política allea, para valorar o que aporta a súa continuidade no poder. A República Dominicana seguiu á sombra dunha dictadura rematada en 1961 e con divisións insuperábeis ata o inicio deste século. Irlanda permaneceu ancorada nas retóricas da súa identidade ata que unha nova xeración foi quen de liberala xa no marco da UE. En canto a Malta, Dom Mintoff tanto se empeñou en garantir coa súa candidatura a unidade do seu Partido Laborista que acabou logrando que se escindira despois de cincuenta anos de historia. O récord de Balaguer, oito candidaturas consecutivas, a última con 91 anos en 1996, está ao alcance de poucos pero pode superarse. Con 88 anos, Dom Mintoff segue a reclamar un sitio na política maltesa. De Valera tivo que dimitir como primeiro ministro en 1959 por problemas de saúde pero aínda foi presidente da República durante dous mandatos ata 1973, cando se xubilou da carreira política con 91 anos. Rematadas as Olimpiadas de Atenas con dúas de Cal, empezan as do poder cunha de area.