A NOTICIA pasa case desapercibida entre o vapor e os accidentes de agosto, pero aí está: un tribunal de apelacións Reino Unido acaba de aceptar como válida a confesión obtida mediante tortura, sempre e cando esta se practique noutro país. O dictame ven en resposta á reclamación presentada polos avogados de oito acusados. Acusados ata certo punto, posto que estes homes aínda non saben de que se lles acusa, e con todo levan xa case tres anos presos, en Guantánamo, en prisións secretas en Afganistán. Alí «déronlles tormento», como se dicía antigamente, e aquelas palabras poderán agora ser utilizadas na súa contra. Naturalmente, falamos de sospeitosos de terrorismo, o que o aclarará todo. Curiosa historia a desta palabra: inventouna un goberno, o de Robespierre, para referirse non ós seus inimigos, senón a si mesmo («seremos terroristas en defensa da República»). Para moitos, isto acabará a discusión, porque o terrorismo é un delicto máis detestado que os outros. Estrañamente, atrévome a dicir; porque é un dos estatisticamente máis improbables. Pero é así, e os xuíces, dispostos tamén eles a seren terroristas en defensa da República (é dicir, da Sociedade), sábeno. «Condenamos sen reservas de ningunha clase o emprego da tortura», di David Plunkett, o secretario de estado, «e traballamos duramente para erradicala en todo o mundo. Sen embargo, sería irresponsable non ter en conta calquera información que nos permita protexer a seguridade nacional». Interesante razoamento. Os avogados dos sospeitosos claman contra esta sentencia, loxicamente, e un portavoz de Amnistía Internacional fala do retorno dos métodos da Inquisición. Pero mesmo iso é unha comparación esaxerada: con toda a súa terrible reputación (merecida), a Inquisición só permitía a tortura durante quince minutos e en presencia dun médico. Tamén en presencia dun sacerdote, por se o reo morría durante o tormento. Aquela sociedade, tamén, cría ser o que nós chamamos unha sociedade garantista : cumpría as súas propias leis. Pero a algún escritor da época non lle pasaba desapercibida a ironía: morrían sobre todo os inocentes, que non podían confesar porque non eran culpables. Así era aquela xustiza. E así é esta. Dise que a verdadeira razón pola que o terrorismo é máis detestado ca outros delictos é porque os que o practican queren arrebatarnos a liberdade, que sería como quitarnos todo. Se é así, témome entón que van gañando.