14 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO SEMPRE que non chove, arde o monte. Cambian os conselleiros, mudan os gobernos centrais e van non se sabe cantos veráns, sempre coa mesma agonía explicativa, coa mesma urxencia por ensaiar respostas que leva a moitos responsabeis políticos a arrepentirse do que dixeron en canto chove e se apagan os lumes. Porque ao cabo, e con razón, os políticos sempre están agardando á chuvia que é o bombeiro maior. Nesta última espiral escoitamos unha explicación aparentemente inédita: na Galiza a poboación rural é comprensiva cos supostos incendiarios e non os denuncia. Milleiros de expedientes gardados pola Administración forestal e consultados por algúns historiadores demostran que Palmou non anda descamiñado. Os lumes en Galicia empezaron coa repoboación forzada dos anos cuarenta. Pero haberá que continuar preguntándose a qué responde esa suposta permisividade. E mesmo como pode ser que unha poboación rural tan devota do PP lle faga estas cousas... iso é outra historia. O significativo é a acusación ao conxunto da poboación rural. Porque son eles e non os que viven en cidades quen sabe do monte. Con ocasión dunha desas vagas de lume que de cando en vez asolan California e outros estados, alguén lle fixo decir a G. Bush que había moitos incendios porque hai demasiadas árbores. Por aquí ríronse todos dil, interpretándoo como unha das súas simplezas. Non adoito coincidir co emperador electo pero neste caso non lle falta razón. E ademais é unha verdade universal aplicabel tamén aquí. Alguén terá que empezar a pensar se non temos demasiadas árbores e se os inxentes servizos de extinción pagados con cartos públicos na Era Fraga, poden constituír un gasto insensato e absolutamente ineficaz dende o punto de vista do uso dos recursos. Nunca houbo tantas árbores neste país, en masas forestais tan mestas, e en comarcas de moita sequedade estival. Abonda con ollar esas coleccións de fotografías antigas que agora están tan de moda para decatarse do pelados que estaban os montes. Fagan a proba con imaxes de antes de 1940. Os enxeñeiros e máis a política autárquica do primeiro franquismo estableceron o criterio de que os montes tiñan que estar cheos de árbores e non de pastos ou cultivos. Que esa era a única riqueza posíbel (antes da chegada dos eólicos). Máis tarde, o abrollar da conciencia ecolóxica urbana aportou un novo argumento, ao identificar o bosque como riqueza medioambiental. Pero a realidade é que estas masas forestais, en zonas de veráns moi cálidos como Ourense, constitúen un volume de biomasa combustíbel que por moitas razóns pode prender. Todas as causas que se aducen para explicar os incendios son certas e ningunha por si soa abonda. Na maioría das comarcas galegas, as plantacións son unha forma de abandono da actividade agraria que ademais se incentiva absurdamente. Non hai incendios nas comarcas gandeiras e aínda agrarizadas. Tampouco onde a xente vive do monte. Por iso non se entende tampouco esa hábil deducción da ministra de Medio Ambiente sobre a relación entre incendios e cambio de uso forestal a agrícola. ¿Cal foi antes? ¿Cal é prioritario? ¿Que foi da Historia?