HAI XENTE tan insensata que pretende que todos sexamos socialmente iguais. ¡Que tolería! Dende o berce hai listos e tontos, guapos e feos, brancos e negros, homes e mulleres... O de ricos e pobres din algúns idealistas que se pode arranxar, pero ao que naceu rico nótaselle, igual que ao que naceu pobre. As cousas sempre foron así e non recoñecelo é estúpido e perigoso. Xa se sabe o que pasou na Revolución Francesa, moita igualdade e fraternidade e hai que ver a cantidade de boa xente que acabou sen cabeza. E cos escravos o mesmo. Xa non falo de Grecia ou de Roma, pero en América ata hai case nada era unha marabilla, toda aquela xente traballando na casa e nas plantacións e parindo fillos para o amo, ¡que fonte de riqueza! E os negros tan contentos, que se non viñesen os de fóra a incordiar aínda seguirían igual, con comida e teito asegurados e sen preocupacións de ningunha especie. E o das mulleres é aínda peor. Para que as cousas funcionen ben as mulleres deben ocuparse dos vellos, dos nenos pequenos e da casa. Así foi dende sempre e así se conseguiu o progreso da Humanidade. E agora veñen as feministas a dicir que hai que equiparar en todo ás mulleres e aos homes. Está visto que canto máis se lle dá á xente, máis piden. Igualdade de oportunidades, igualdade de salarios... e agora esto: que o traballo do fogar e a crianza dos nenos se reparta por igual entre os pais. ¿Cando se viu tal? Menos mal que a Igrexa Católica estivo presta ao quite. Sempre atenta ás realidades sociais, hai que recoñecelo, igual condena a Galileo que pasea a Franco baixo palio, ou rexeita ás feministas e aos homosexuais. Ás veces erra, pero pasados algúns séculos rectifica, e ata a próxima. A postura da Igrexa demostra que esto da igualdade é cousa dunha minoría sen importancia. Se pensasen que ían perder clientela ou aportacións económicas non falarían así, porque é ben sabido que, morto Xesús de Nazareth, os seus sucesores estiveron sempre do lado dos ricos e dos poderosos.