O MISTERIO do sorriso da Gioconda é un falso misterio, porque a Gioconda, en realidade, non está sorrindo. A idea ven do Romanticismo, é moi tardía. Paul Elkman conta nun seu libro o experimento que se conduciu nos anos setenta: déronselles fotos do cadro de Leonardo a centos de persoas de culturas remotas que nunca o viran. O resultado foi concluínte: nin un só pensou que a rapaza sorrise. Unha porcentaxe considerable declarou que lles parecía nerviosa e cansada, e é certo que o parece. E non é estraño: Leonardo era un pintor relativamente lento e a muller de Francesco Giocondo (se é que realmente era ela) debeu ter que pasar moitas horas alí sentada no estudio do mestre, rodeada de estátuas a medio facer, prototipos de aeroplanos e que sei eu que máis trangalladas. Para ela, o Renacimento debeu ser unha cousa tediosa. Pensaba nisto ó ler esta noticia de que as autoridades do Reino Unido acaban de prohibir que a xente saía sorrindo na fotografía do pasaporte. Como case que todo ultimamente, é parte das novas medidas contra o terrorismo. Parece ser que os escáneres que autentifican os pasaportes teñen dificultades para interpretar os sorrisos. Os sorrisos confúndenas, como nos pasa ós demais algunhas veces na vida cotiá. Imaxino que a moitos a nova induciráos a unha reflexión pesimista: mal andamos, dirán, cando para loitar contra o terrorismo temos que empezar xa por deixar de sorrir. Unha cousa, dirán estes, é que o terrorismo internacional sexa unha cousa seria, e outra que teñamos que ir con mala cara pola vida. Para min, en cambio, a noticia é un alivio. Sempre me custou sorrir nas fotos, e máis aínda na foto do pasaporte. Ese sorriso forzado ó que nos conminaban os fotógrafos érame máis gravoso que esta nova directiva que nos ordena poñernos serios. Desde os carnets da Cruz Vermella, da Biblioteca Xeral, do carnet de conducir, obsérvanme uns tipos que se me parecen algo, sorrindo falsamente, como se fosen imitadores con malas intencións. E estou seguro de non ser o único. Ó final, a maioría acabamos forzando o xesto e pónsenos cara de terroristas, precisamente. Como lle pasou á Gioconda, que tamén, cansada e nerviosa, sorrindo forzadamente, ten ó xesto inconfundible da culpabilidade. A modelo de Leonardo dificilmente houbese pasado polo control de Heatrow ou de Gatwick, e xa non digamos entrar nos Estados Unidos.