VIN POR Compostela os soldados ingleses e pensei que o asunto de Xibraltar empezaba a complicarse. Non era así. Eran os figurantes da reconstrucción da batalla de Elviña, que se conmemoraba na Coruña. Paseaban tranquilamente polo Obradoiro cos seus uniformes vermellos, e ó cruzarse cos tunos, miráronse con curiosidade e con suspicacia, uns pensando de que exército serían os outros, os outros tratando de averiguar de que universidade virían os uns. Elviña: sempre me pareceu unha desas cousas reconfortantes que ten Galicia que a maior batalla da nosa Historia, esa batalla de Elviña do 1808, se librase sen nós participar nela. Debeu de resultar un tanto estraño para os paisanos da zona ver aqueles ingleses e franceses que por algunha razón escolleran ir pelexar precisamente diante das súas casas. Agora seguen mirándoo como espectadores, como esta fin de semana, na que os coruñeses se reuniron para ver a repetición da batalla. Unha batalla que, e isto tamén me parece propio do lugar onde se librou, non se sabe quen a gañou ( Corunna figura no monumento de Trafalgar Square en Londres, xunto coas outras victorias inglesas, pero tamén figura La Corogne no Arco do Triunfo en París). Os ingleses din que lograron escapar, os franceses que os obrigaron a retirarse... É como unha desas noites electorais nas que todos atopan algo do que estar satisfeitos. Sir John Moore, o comandante británico, morreu, eso si (creo que no lugar onde estaba o cine Avenida). E para un país pouco dado ó heroismo militar como Galicia, Moore converteuse nun heroe romántico, e mesmo Rosalía lle dedicou o poema que figura na tumba no xeneral no xardín de San Carlos. Dicía Cunqueiro que esa tumba estaba enmeigada, porque a noiva de Moore era Lady Stanhope, unha estraña rapaza que acabaría moitos anos despois convertida nunha especie de raíña-bruxa dos nómadas do Líbano (por estraño que pareza). Segundo Cunqueiro, o seu espíritu vaga por San Carlos en forma de brétema. Cousas de Cunqueiro... Pero o certo é que un día, mostrándolles a tumba de Sir John Moore ós meus amigos americanos Daniel e Joy, contéillelo, e axiña como me puxen a ler o poema de Rosalía o ceo se anubou (era un día soleado) e en nada comezou a tronar. Non o invento, pasou. E disto lembrábame onte, vendo a presencia fantasmagórica dos casacas vermellas polas rúas de Santiago, como ánimas que regresan ó lugar onde pecaron e morreron.