Unha estafa máis

XOSÉ LUIS FRANCO GRANDE

OPINIÓN

31 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A POLÍTICA galega ten sido a maior estafa a este país que se pode imaxinar. Un pensaba, porque ao mellor non vivía neste mundo, que o noso país, coa autonomía, debera acadar un desenvolvemento económico e un parello desenvolvemento cultural que o transformaría de arriba a baixo. O fracaso da política económica, se algunha houbo, é ben manifesto: o país vaise baleirando de xente, énchese de terras a monte e boas partes do país teñen máis de deserto ca doutra cousa. E onde non, o capital, alleo case sempre, vai impondo o seu dominio e creando as súas dependencias. Nada que se pareza ás Baleares, por exemplo. Peor, moito peor aínda, é o fracaso da política cultural, coa TVG que temos e coa total indiferenza oficial pola cultura e polo país. Aquí é aínda máis visible a estafa que se nos está facendo. Estafa, folga dicilo, que non se pode apoñer tan só ao Goberno galego nin ao seu partido. Polo que imos vendo, os que pensan que poden gobernar non o van facer mellor. E isto si que pon moi negro o porvir.