Enigmática sor Juana

OPINIÓN

UNHA NOVA edición de sor Juana Inés de la Cruz, anotada e con estudio introductorio, ven engadirse a ampla bibliografía sobre un dos personaxes máis enigmáticos da historia literaria. Os estudiosos da súa obra divídense en dous grupos irreconciliables: os que consideran que a súa lírica amorosa é un artificio literario sen base na realidade, e os que pensan que responde a sentimentos vividos. As posturas son extremadas, dende González Boixo que nega toda autobiografía ata Luis Antonio de Villena que a inclúe nunha antoloxía de escritores homosexuais. Hoxe goza de máis prestixio a interpretación que considera os seus poemas de amor como unha demostración de habilidade literaria e de casuística neoplatónica. Pero a interpretación autobiográfica conta con críticos prestixiosos como Menéndez Pelayo e gran número de investigadores recentes na liña dos estudios feministas. Non faltan os que manteñen unha posición intermedia, como Octavio Paz, que pensa que se trata de experiencias imaxinadas, non vividas; e Georgina Sabat de Rivers, a autora -xunto con Elías Rivers- da espléndida edición de sor Juana: Poesía, Teatro, Pensamiento , que acaba de publicarse na fermosa colección da que xa lles teño falado, os libros BLU de Espasa Calpe. A editora recolle todos os datos coñecidos sobre a vida e obra da autora e dá interpretacións intelixentes e documentadas sobre a súa poesía. Destaca o seu rexeitamento do matrimonio, o carácter batallador e forte, as constantes polémicas coa autoridade eclesiástica, a paixón polo estudio, a garimosa relación coa marquesa de La Laguna... e a importancia da tradición literaria. Cando sor Juana lle escribe á marquesa: «Ser mujer, ni estar ausente/ no es de amarte impedimento/ pues sabes tú que las almas/ distancia ignoran y sexo», pode que sexa só unha recreación da tradición literaria. Pero tamén pode ser que lle estivese dicindo que ser ela monxa e a outra casada non era impedimento para namorarse. Quén sabe.