O BALÓN de Beckham parecía de ouro. E, realmente, aínda se pode dicir que o é. Refírome, abofé, ao balón co que o xogador inglés David Beckham fallou o penalti que lle permitiu a Portugal alzarse coa victoria nos cuartos de final da Copa de Europa. O remuneradísimo patadón de Beckham envíou o balón ás bancadas, onde foi caer nos brazos de Pablo Carral, un mozo de Rianxo. O avispado mozo decidiu facer unha poxa en internet, a través dun portal especializado, para venderllo ao mellor postor. E o mellor postor ofreceu 10 millóns de euros, unha cifra desorbitada en consonancia coas finanzas dun deporte desorbitado. O mozo fíxose famoso. Pero o asunto cheiraba. Non deixaba de resultar sospeitoso que alguén ofrecese unha cantidade de diñeiro tan inmensa por un obxecto que co tempo se devaluaría. Ademais, aínda non se demostrou que ningún balón fose digno de ser exhibido nun museo e, moito menos, de atesourar algún tipo de valor económico, cultural ou histórico trascendente para a humanidade. Así que os responsables do portal que se dedica ás poxas por internet, e que no fondo non debían buscar outra cousa que publicidade, decidiron algo tan elemental como solicitar a acreditación de todos aqueles que participasen na poxa do superbalón de Beckham. E, que curioso, todas as ofertas altas foron evaporándose até descender á que, definitivamente, adquire o balón, esta vez por 28.050 euros, cantidade que, francamente, tampouco me parece ningunha broma. É máis, confeso que me gustaría verlle a cara á persoa que paga tal cantidade de diñeiro por ese anaco de coiro inflado, agora encerrado na caixa forte dun banco. A min, que non son nada mitómano e que me parecen un despropósito as fantasmagóricas cantidades que se aboan por algúns cadros no entolecido mercado da arte, resúltame abraiante que alguén ofreza 28.050 euros por un balón, por moito que no seu coiro figurasen os fermosos restos de lama das botas do tal Beckham. Todo isto lémbrame unha ocasión en que visitei o museo de Mozart, na cidade austríaca de Salzburgo, e descubrín que, celosamente custodiado nunha vitrina, se exhibía un pelo do xenial músico. Ignoro se ao pelo lle fixeron a proba do ADN ou se foi fundamental no seu talento creativo, pero, exactamente igual que no caso do balón, non consigo averiguar que interese especial pode ter un pelo para un visitante ao que lle guste a música clásica.