BBC

MIGUEL ANXO-MURADO

OPINIÓN

APETECEUME VER un documental que poñían na BBC, pero deume vergoña que me viran. Pensei que ían pensar: «Aí está, como Fungairiño, outro que non se entera de nada». E non, eu vexo a BBC pero tamén vexo outras cousas, e leo a prensa (de atrás para adiante, comezando pola última páxina, como se fai nas cafeterías). Isto é o malo das declaracións de Fungairiño da semana pasada no Parlamento, nas que dicía que non lía a prensa nin miraba a televisión por hixiene mental e que só vía «os documentais da BBC»: que fixeron que ver estes se volvese agora algo vergonzante. Hai quen di que é un desacato ó Parlamento, e seguramente teñen razón, pero eu engadiría que é tamén un desacato á BBC, porque parece como se todos os que a poñen o fixeran non tanto porque lles interese a historia do Imperio Romano ou os costumes alimenticios do tigre de Bengala, senón porque non lles interesa ningunha outra cousa. Ver a BBC é agora un sinónimo de mostrar resentimento e desprezo polo mundo real, unha especie de anacoretismo moderno. Dábame vergoña, digo, e, con todo, acabei por sintonizar a canle inglesa. Xa postos, quería ver con que información conta a fiscalía deste país, por hixiene mental. E entón dinme conta de que non era tan estraño que ao fiscal da Audiencia Nacional lle gusten os documentais; de algunha forma, son tamén sumarios instruídos sobre crimes: na pantalla, un león zampaba unha gacela enferma, un orangután vello era abandonado polos seus familiares só porque era unha carga, unha araña devoraba ao seu exmarido despois dun feroz preito de divorcio... Son crimes que quedan todos impunes, mal instruídos, sen investigar. A natureza non é precisamente un sistema garantista (é como Fungairiño, un fiscal autista; quizais tamén a natureza mira a BBC para contemplarse). Se esta é a fonte de inspiración de Fungairiño, pensei no primeiro intermedio, non me sorprende que lle parezan ben, como dixo aquela vez, a ditadura de Arxentina e a de Chile. En fin. O que máis me abraia a min é que Fungairiño, que é fiscal, e que por tanto debe ter escoitado toda clase de excusas no exercicio da súa profesión, non puidera perxeñar outra mellor. Se lle amolaba desprazarse ata o Congreso para dar explicacións sobre as investigacións sobre o 11-M, ¿non podía dicir simplemente que tiña unha voda ou un resfriado?