O poder da poesía

OPINIÓN

17 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES DÍAS celebrouse o centenario de Pablo Neruda. A súa defensa da libertade, a súa concepción do amor, a un tempo sensual e nostálxica, o sentimento telúrico da natureza e, por riba de todo, un don especial para comunicarse coa xente da mais diversa condición, fan del o poeta máis lido e recitado do século XX no mundo occidental. No seu libro de memorias, Confieso que he vivido , conta algunhas anécdotas que ilustran esa capacidade de chegar coa súa palabra a públicos moi diversos. Nunha ocasión veuse obrigado a improvisar unha conferencia ante os cargadores dun mercado en Santiago de Chile. Acababa de publicar España en el corazón e levaba un exemplar na man. A súa intención era explicarlles o que pasara na guerra civil, leer un par de estrofas e despedirse. Pero o silencio expectante levouno a seguir lendo unha hora enteira. Ó acabar, un dos traballadores, no nome dos compañeiros, achegouse a el para dicirlle: «Nunca nada nos impresionou tanto». Noutra ocasión participou nun mitin ante dez mil mineiros. Cando anunciaron o seu nome e o título do poema, Nuevo canto de amor a Stalingrado , os dez mil obreiros descubríronse, no que Neruda describe como «un golpe de mar silencioso, una negra espuma de callada reverencia». Tamén conta que, sendo novo, nun cabaré de mala morte, increpou a un par de matóns que se peleban. Un deles vólvese contra el, pero un golpe do contricante librou ó poeta. Neruda non agradece a axuda inesperada senón que lle pide que abandone o local. Cando sae, atópase co matón que o apuxa contra unha porta, e dille: «Falemos». E cóntalle, moi contrito e conmovido, que o único bo da súa vida é o amor da súa moza e que llo debe a el: «Ella me quiere por usted, don Pablito, por sus versos que hemos aprendido de memoria». Cando os amigos chegan con reforzos armados atopan ó matón recitando, «derrotado pola poesía». Hai xente como Lope de Vega, como Bécquer, como Rosalía, como Neruda, que teñen ese don da palabra universal.