A reencarnación como alternativa

OPINIÓN

ESTE É o problema: escribía este artigo sobre a complicada sucesión de Fraga e de repente pareceume que xa o lera nalgún lado. Ata que me din conta de que non só o lera nalgún lado xa, é que eu mesmo o escribira idéntico... tres veces, a primeira hai doce anos. Xa entón, hai máis dunha década, especulábase, como sucedeu este luns pasado, cos nomes dos que podían suceder ó presidente; xa entón ponderábanse as dificultades da operación; e xa entón insinuábase que Fraga á súa vez se insinuaba para seguir, a pesar de ter dito repetidamente que non pensaba seguir. Porque, igual que existe o Mito do Eterno Retorno, existe en Galicia tamén o Mito da Eterna Marcha. É a grande aportación de Don Manuel á mitoloxía: di que vai marchar pero, a penas se encamiña á porta, regresa, facendo o que en teatro se chama «falso mutis». «Dices que te vas, y te vas, y no te has ido», cantaba o bolero. Un acaba sacando a impresión de que ser presidente de Galicia debe ser o traballo máis difícil do mundo, porque só así se explica que en vinte anos tan só houbese unha persoa capaz de facelo, e que substituíla, xa sexa por alguén do seu partido ou doutro, resulte máis laborioso que o famoso parto dos montes. Sen ningunha mala intención, só con ánimo de colaborar, avanzaba eu no meu artigo de hai doce anos algunhas ideas para saír deste impasse . Se alguén se lembra (e se é así, permítanme que os felicite por esa memoria tan impresionante), despois de descartar os procedementos máis convencionais (as eleccións, o sorteo), acababa suxerindo o procedemento que se segue no Tibet, onde os lamas designan un neno de oito anos ao que transmigra a alma do lama supremo ou Dalai Lama (que é o equivalente alí da presidencia da Xunta). Pero nin que dicir ten que a idea non se tivo en conta e, en todo caso, se houbo o tal neno, ten agora vinte anos e, aténdonos á estatística, seguramente é do Bloque e se abstivo nas últimas europeas. Agora, pasados os anos, non me atrevo xa a facer, desde logo, suxerencias, pero nin sequera cábalas sobre o que sucederá, ou quen sucederá a Fraga ou que nos sucederá a nós. Emprázoos a vostedes para dentro de doce anos. Eso si, teño a impresión de que algo non vai ben cando os artigos seguen estando de actualidade doce anos despois.