Centenario de Dalí

OPINIÓN

10 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

CO MOTIVO do centenario de Dalí poden verse dúas exposicións no Reina Sofía de Madrid: «Huellas dalinianas» e «Cultura de masas». A primeira abrangue os anos 1927-1939, e na segunda abondan as obras desa mesma época, aínda que poden verse aspectos da súa colaboración con Hitchcock ou Disney. Non se ven mostras da súa estreita relación co réxime franquista e coa familia do dictador que quedou plasmada nalgún retrato. O xoves pasado, en El País , Benxamín Prado arremetía nun artigo titulado «Dalí fascistas» contra o pintor e contra a sistemática ocultación que se fai nos centenarios de aspectos que poden resultar incómodos para certos sectores sociais: o fascismo duns, a militancia comunista doutros, e, poderíase añadir, a homosexualidade dalgúns. O resultado é que tales celebracións convertensen con gran frecuencia en simples homenaxes, nos que non se pretende aportar un mellor conocemento da figura senón destacar os aspectos que a poden facer máis aceptable ou popular. Señalar defectos, erros ou deficiencias no artista estudiado, ou sacar á luz aspectos biográficos pouco satisfactorios, queda desterrado de tales fastos. Recordo que no bicentenario de Fernán Caballero (Cecilia Bölh de Faber) a Universidade Internacional Menéndez Pelayo celebrou un congreso en El Puerto de Santa María do que as autoridades locais quedaron moi sorprendidas e descontentas porque todos falabamos mal da escritora. Este «falar mal» consistiu naturalmente nunha análise rigurosa da biografía e da obra da autora. No caso de Dalí sería conveniente botar luz non só sobre os aspectos escuros da súa biografía, como as prebendas disfrutadas nun réxime que provocou a morte ou o desterro de amigos e maestros, senón tamén sobre a súa obra. Hai que distinguir nela o que hai de auténtico e orixinal, que é pouco, do que é imitación, teatro e voluntaria mistificación, que é moito. Hai que distinguir entre arte e extravancia. Só así merecería a pena celebrar o centenario.