| VÍCTOR F. FREIXANES |
09 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Foi o pasado 27 de xuño. Arredor de un millón de persoas botáronse ás rúas da cidade, vestidas de branco, non se sabe aínda convocadas por quén, para protestar en silencio contra a inseguridade cidadana, contra a corrupción política e a prol da democracia. A praza do Zócalo, a praza enorme da cidade de México, a segunda máis grande do mundo despois da Praza Roxa de Moscova, víase ateigada de xente a rebordar, unha impresionante multitude que avanzaba tamén polas avenidas veciñas e non daba entrado no gran eirado. O presidente Fox anunciou a semana pasada dez medidas urxentes para afrontar a situación. A oposición, a protesta civil, mesmo unha parte do seu propio partido preguntan por que, logo de catro anos de poder, non se tomaron xa esas medidas. ¿Qué garantías hai agora, coas mesmas persoas nos mesmos postos, sen dimisión nin renuncia ningunha, sen ningún cambio nas estructuras do sistema, qué garantías hai de que as cousas cambien, cando non cambiaron nestes catro anos? Este é o gran problema de México. Seguramente un dos grandes problemas estructurais das sociedades latinoamericanas. Vino en Venezuela hai anos. Vino en Arxentina despois. As cousas non foron a mellor. Sociedades potencialmente ricas, con recursos naturais e humanos poderosos, viven tal que afogadas en si mesmas, nun círculo vicioso que as abafa e do que non dan saído. «Todos temos un prezo», advírteme un compañeiro de profesión. «Supoño que en todas partes é así. O malo de México é que aquí o prezo é cada vez máis baixo e xa ninguén sabe vivir doutra maneira». Para aprobar na universidade, para obter un certificado de construcción, para cerrar un negocio, para conseguir emprego... todo o mundo move a ficha da influencia, o amiguismo e a porta de atrás, con diñeiro ou con favores. «A sociedade civil esá secuestrada». É unha das expresións que máis se repiten (tamén nas columnas de opinión dos periodicos). ¿Cómo construir unha sociedade moderna nestas condicións? As taxas de desemprego son as máis altas de Latinoamérica. Os ricos son cada vez máis ricos e os pobres cada vez máis pobres. Os secuestros de persoas, liberadas en poucas horas a cambio dun rescate, convertíronse nunha práctica habitual na que actúan tanto os delincuentes de pouca monta coma os «carteles» organizados. «Críamos que o PAN (Vicente Fox) ía introducir un cambio. Pasaron catro anos e seguimos na mesma», advírteme o meu interlocutor. ¿Alarmismo? Seguramente é inxusta esta impresión primeira do país, ou desenfocada, pero é a que aboia no ambiente, nas primeiras planas dos xornais, nos debates da televisión e nas rúas. A manifestación do 27 de xuño é a resposta social activa. «Ou recuperamos a dignidade nacional», din os propios dirixentes do PAN, o partido no goberno, «ou perdemos a batalla». ¿Qué pasa cando unha sociedade perde a fe no seu sistema, nos seus políticos, nas canles constitucionais creadas para a defensa dos dereitos da cidadanía? O xeneral Vega García, secretario da Defensa Nacional, advirte públicamente que o exército «está para salvar a patria, non para defender aos políticos». Calquera observador debe anotar estas palabras. Non sei se son unha advertencia ou unha ameaza. «Non queremos outro Chaves, coma en Venezuela», responde a oposición. «Non queremos unha nova Colombia». Fronte á catedral se sentan os parados. Poñen un carteliño diante: fontaneiro, carpinteiro, peón... O público escolle e contrata.