Fraga e Bowie

| MIGUEL-ANXO MURADO |

OPINIÓN

05 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

FINALMENTE XA se sabe quen vai sustituir a David Bowie nese concerto estrela do Xacobeo en Santiago, logo de que o músico caese do cartel a causa dunha indisposición. Parece que despois de intensas xestións e de varios días de incertidume vai ser Lou Reed quen reemplace ó mítico cantante británico. Menos mal, porque ben que lle custou a Pérez Varela dar co substituto e había xa unha certa inestabilidade no aire que se podía palpar en Compostela. Un diría que non é estraña esta dificultade en atopar un recambio para Bowie, porque o certo é que na Xunta sempre tiveron moitos problemas con isto das sustitucións. De feito, coa de anos que levan intentando atoparlle un sucesor a Fraga é comprensible que a Bowie non llelo encontrasen ata o último momento. Xa sei que non é o mesmo, pero por aí lle anda. Certo: en principio, cando un pensa no mundo do glam-rock non ve ningunha relación obvia coa política autonómica galega; pero hai polo menos dúas semellanzas: ambos son universos ata certo punto reducidos e ambos seguen relativamente dominados por figuras que comezaron as súas carreiras nos anos sesenta. Tanto Fraga como Bowie seguen, despois dunha dilatada travesía, conservando unha boa cantidade de groupies e votantes, pero o problema para os seus colaboradores está en cando empezan a dar mostras de cansazo (como lle pasou a Bowie): que logo non hai «banquillo» do que tirar. É o inconveniente de apostar tanto pola veteranía: que, despois resulta que a súa longa sombra non deixa que medren famas da mesma estatura e a xente acaba absténdose, xa sexa de ir a un concerto (no caso de Bowie), xa sexa de votar nunhas eleccións, (no caso de Fraga). Si, a cousa resolveuse ben (no caso de Bowie), pero mal debe andar o mundo do espectáculo, cando resultou tan difícil atopar quen iguale o rendemento dun home que leva corenta anos rulando e todo para que ó final sexa outro home que leva outros corenta. Pero peor debe estar o mundo da política autonómica conservadora cando nin sequera existe esa opción. E cando digo que a mesma opción non lles vale, non me refiro a presentar a Lou Reed como candidato á Xunta (aínda que quen sabe se non nos governaría mellor), senón ó de atopar outro político da mesma quinta, porque xa non deben quedar. Así que de momento seguirá a incertidume cando á sucesión de Fraga, unha vez resolta a de Bowie. E iso que pareceu que, por pura desesperación, ían subilo a escena, estivese como estivese. A Bowie, digo.