Teatro real en Bagdad

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

NON É fácil calcular como vai rematar a aventura anglo-ianqui do Iraq. A xustificación real foi a todas luces a de ir a por o petróleo apoiándose nunha sarta de mentiras: que si armas de destrucción masiva, cando non aparecen, que si Sadam era un tirano, que lle fallaba democracia... O primeiro axiña ía saberse que era pura invención, e en canto ser gobernado o país en pura dictadura era unha xustificación para imbéciles, pois o Iraq está rodeado por rexímenes dictatoriais cos que os ianquis colabouran e que lle serviron de plataforma para invadir a Mesopotamia. Dicirnos esto a nós os ibéricos, que tivemos que aguantar unha dictadura durante coarenta anos, primeiro imposta polos nazis e logo sostida polos ianquis... teriamos que estar todos dormidos. Outra secuencia da escea teatral é a transferencia da soberanía do Iraq a un suposto goberno provisional escollido a dedo non sabemos por quen, que, ao parecer, tentará sacarlle as castañas do lume aos ianquis. E a continuación, sen perder mais tempo, levan a Sadam Huseín, e aos seus colaboradores que fican vivos, ante un tribunal que se presume imparcial máis non se sabe como foi nomeado, nin por quen, e que tivo que escoitar que el, Sadam, é o presidente da República do Iraq, que este proceso que queren facerlle é unha farsa, que a invasión de Kuwait estaba xustificada porque este territorio perténcelle ao Iraq, e que o único criminal que hai é Bush, que fixo esta guerra para se quedar co petróleo. Non sabemos se Sadam cometeu crímenes de guerra, e aínda que o franquismo cometeu máis crímenes que o nazismo, según nos acaba de dizer o historiador Paul Preston, non debía ser esto inconvenente para que os ianquis, que colaboraban co franquismo sometendo ao povo español, esto de colaborar agora con Sadam non tiña por que facerlles ascos aos que mandan nos EE. UU., que utilizan cans doentes para impoñer no Iraq a sua democracia. Todo o demáis non ten volta de folla: que Sadam Huseín é o presidente da República do Iraq, que Kuwait é unha rexión que pertence ao Iraq que por 200 anos formou parte do mesmo imperio otomano dependendo da gobernación de Basora e que nos últimos anos do século XIX os británicos, de acordo co jeque Mubarak, vendido a eles, o converteron nunha colonia, que os ianquis o único que queren é quedarse co petróleo, e que o criminal que hai en todo esto é Bush, aínda que é inxusto deixalo soio e non dizer o mesmo da cuadrilla da que forma parte. Que o do petróleo é totalmente certo, pois nin de coña o incluen nesa farsa de soberanía da que falan. Todo este teatro non deixa lugar para supoñer cal pode ser a derradeira escea, pois se as cousas no Iraq seguen deteriorándose, e a farsa desa xustiza segue actuando como un bó conxunto escénico, van conseguir que o povo iraquí considere a Sadam como o gran salvador deste drama. Tamén podería ser que os ianquis, utilizando ao goberno títere, queiran sacar desta representación a saída do lío no que se meteron perdonándolle a vida a Sadam, deixándolle reconstruir o Baaz a cambeo de firmar uns contratos de petróleo, ben amañados, pois nesta viña del Señor todo é posible. Mentras non remata o drama o maior fomentador do terrorismo que ven do terceiro mundo é o grupiño do que Bush da a cara mentras no mundo occidental hai un silenzo tolerante e cómplice.