Entendéndose

OPINIÓN

02 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

AO QUE PUIDEN ver, andan os programas televisivos que mellor reflexan a realidade social, que entre todos conformamos, fora de aquel meu horario para me poñer diante da televisión. Mais, deshorado un certo día desta semán, recibín o impacto dun de aqueles de mais sona. Impacto por canto puiden comprender onde é que estaban as bases do entendemento e o diálogo social nesta sociedade nosa. Non me resultaron, no tempo que fun quén de seguilo, tan rechamantes os contidos -de certo salientabeis, educativos, e de interés xeral- como aquela forma de dialogar e de se entender que tiñan persoeiros notabeis desta nosa sociedade: O conde Lecquio, Boris Izaguirre, o ex marido da filla de Rocío Jurado, a ex esposa do tenista Santana, e seica unha xornalista da prensa do corazón, regulados nos seus excesos por un acreditado periodista e incitados a eles por un actor imitador de toreiro famoso. Apampei. Non é só que cadanseu non escoitara o fío argumental (sic) da parolada do outro, senón que o diálogo estaba inzado de interrupcións duns sobre os outros todos, insultos de ida e volta, ameazas, descalificacións, vindicacións da verdade dos sucesos aportados na forma de pleitos xudiciais. Apampei. O de menos era de que falaban. Só me enguedellaba a forma de falar, de se entender, de se berrar, de se insultar. Comprendín logo onde estaba o aquel de tanto éxito. Daba igual de qué falar, o importante era o como: No balbordo, no exceso, na descalificación, na negación daquel outro. Compría, sobre todo, non ter ningún interés en se entender. Visto o visto, tentei de aprofondar. ¿Era a televisión asi por canto asi eramos nós, ou a súa forza didactica empurrabanos a potenciar esas nosas habilidades de negación do dialogo e dos argumentos? Apampado, abandonei a realidade televisiva, pode que social. Recuperei a miña mediocridade cotián. Leín. Andaba con Reserva especial . Recreación de mundos proximos. Acougos para os menceres. O xornal da mañan devolveume á realidade televisiva: «O Goberno e a oposición despiden o curso político entre descalificacións. A comparecencia do conselleiro da Presidencia para explicar a xestión da Fundación Arao, debalou en descalificacións, mesmo chegando ó insulto, entre Goberno e oposición». ¿A vida como crónicas , ou a televisión como a vida?